O persoal de Coasa suspende a folga e a empresa paraliza a actividade mentres negocia como afrontar a situación

A segunda xornada de paro tivo un maior seguimento que a primeira
Ourense - 18 Mar 2020

O cadro de persoal de Coasa, empresa de aeronáutica con sede en Ourense, decidiu suspender a folga convocada para reclamar unhas condicións laborais dignas unha vez se decretou a emerxencia sanitaria provocada polo novo coronavirus. A empresa, que estaba á espera de saber o que facía o seu principal cliente, Airbus, paralizou a actividade e o luns negociará co comité as medidas a adoptar.

Dende a representación dos traballadores/as sinalan que a segunda xornada de paro , que se desenvolveu o pasado día 12, foi secundada aínda por un maior número de traballadores/as que aprimeira, xa que unicamente entraron tres persoas de fabricación entre todas as quendas. “Pero debido ao estado de alarma e á imposibilidade de desenvolver concentracións o comité decidiu suspender a folga até que se normalice a situación”, sinalan. Estaba previsto levar a cabo novas xornadas de paro os vindeiros días 17, 24, 26 e 21 de marzo.

Este luns comezan as negociacións para decidir como se afronta a situación

A empresa retomara dende entón actividade tras adoptar medidas de prevención como a entrega de guantes e xel desinfectante e a entrada escalonada de persoal na fábrica e nos vestiarios para evitar aglomeracións.

Mais unha vez que Airbus decidiu parar, Coasa acolleuse a medidas de flexibilidade do convenio de Químicas, mandando a xente para a casa até o vindeiro martes. Para este luns hai prevista unha xuntanza entre a dirección e o comité para ver que medidas se adoptan finalmente.