O persoal de cociña dos hospitais vigueses, en pé de guerra ante a posibilidade de despidos co cambio de concesión

Mobilizouse hoxe no Álvaro Cunqueiro para reclamar tamén o pago do complemento de absentismo, e o martes farao no Meixoeiro
Vigo - 13 Abr 2023

As traballadoras/es da cociña dos hospitais da área sanitaria de Vigo (Álvaro Cunqueiro, Meixoeiro e Nicolás Peña) mobilizáronse hoxe no Álvaro Cunqueiro ante a posibilidade de que se produzan despedimentos, tal e como adiantou a concesionaria, e para reclamar o cumprimento do convenio no que ten que ver co pago dos pluses. O vindeiro martes 18 trasladarán as protestas ao Meixoeiro de 10:30 a 13:00 horas.

A mobilización desta mañá desenvolveuse tamén de 10:30 a 13:00 horas tanto no exterior como no interior do centro médico, en concreto diante das oficinas da Xerencia da área sanitaria como da concesionaria do hospital, ao berro de “O convenio está para cumprirse”, “Queremos cobrar o noso plus”, “Arcasa culpable, Sergas responsable” e “Menos recortes e máis persoal”. Nela participou tamén persoal de mantemento e limpeza en apoio da loita das traballadoras/es do servizo de cociña.

A pesar de que non se rexistraron incidentes, a concesionaria deu aviso á Policía española, que procedeu a identificar a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, e o secretario comarcal da federación, Alfredo Filgueiras. Dende a CIG lamentan a actitude da concesionaria e rexeitan este intento de amedrentar as traballadoras/es co obxectivo de desactivar as protestas.

Segundo explican dende a federación de Servizos, a propia concesionaria do hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) “deixou caer” que serían necesarias entre 10 e 14 rescisión de contrato para que o servizo de cociña (que abastece o propio Cunqueiro, Meixoeiro e Nicolás Peña) fose rendíbel, polo que o persoal teme que estes despedimentos se produzan co cambio de empresa unha vez saia a concurso o servizo.

Con estas protestas promovidas polo comité de empresa (7 delegadas/os da CIG e 2 da UGT) tamén se quere reclamar os 100 euros do complemento de absentismo que a actual concesionaria da cociña lle adebeda ás máis dun cento de traballadoras/es, incumprindo así o convenio colectivo.

Enquisas sobre o servizo

Dende a central sindical denuncian ademais as deficiencias existentes no servizo dende que foi privatizado e lembran que en tan só sete anos o chan da cociña (situada HAC, dende onde se distribúe a comida para os outros dous centros) tivo que ser cambiado até en tres ocasións. “O tren de lavado non funciona correctamente, ao igual que o sistema de quentamento, o que repercute negativamente na aparencia dos alimentos”, sinalan.

De feito, as propias/os traballadoras/es constataron o malestar e as queixas das persoas usuarias do hospital con respecto á comida mediante a realización de numerosas enquisas
Todas as deficiencias foron postas en coñecemento da concesionaria do HAC, “que non nos fai nin caso”, polo que as afectadas/os decidiron iniciar un calendario de mobilizacións que contempla en principio dúas xornadas de protesta, a de hoxe e a do vindeiro martes 18 no Meixoeiro de 10:30 a 13:00 horas.