Protestas en Constellium do Porriño contra a vaga de sancións e pola readmisión dun traballador

A compañía do sector do automóbil está a incumprir parte do acordo que se lograra tras unha convocatoria recente de paros e de mobilizacións
O Porriño - 28 Set 2023

O cadro de persoal de Constellium Automotive do Porriño, compañía do sector do automóbil con sede no polígono da Granxa, iniciou o pasado luns un calendario de mobilizacións para rexeitar a vaga de sancións que está a aplicar a empresa e reclamar a readmisión dun compañeiro. Dende a representación dos traballadores/as denuncian que a dirección está a incumprir parte do acordo asinado recentemente tras a convocatoria de paros e de protestas.

As mobilizacións, que se celebraron este luns 25 e onte mércores 27, consisten en concentracións diante das instalacións da compañía de 13:30 a 14:30 horas, coincidindo co cambio de quenda. Dende o comité de empresa, con 5 representantes da CIG, explican que a dirección optou por aplicar unha política represiva co persoal unha vez que a representación sindical puxo enriba da mesa a posibilidade de desenvolver novas protestas no caso de que non accedese a cumprir o acordo a respecto de realizar medicións para determinar a produción real.  

“A partir de entón comezaron a sancionar traballadores/as, e mesmo despediron un compañeiro, decisión que xa foi levada ao xulgado para reclamar a nulidade do despido”, indican. Ao mesmo tempo, barallan levar a cabo outra concentración solidaria coincidindo co acto de conciliación no SMAC. O que si teñen claro é que as protestas continuarán diante da empresa a vindeira semana.