O persoal de Correos da Unidade de Reparto 3 da Coruña, en folga para esixir máis contratacións
A práctica totalidade do persoal da Unidade de Reparto 3 da Coruña participou no paro de dúas horas convocado na xornada de hoxe para esixir a Correos máis contratacións. As traballadoras e traballadores concentráronse diante da porta da unidade (na rúa Entrepeñas nº 43) para dar maior visibilidade as súas demandas.
Dende o comité de empresa e a Xunta de persoal xa adiantaron que a folga seguirá "se non se efectúan as contratacións que o persoal entende imprescindíbeis para levar a cabo o servizo diariamente e coa calidade esixida". Esta xornada de folga parcial supón a continuación das mobilizacións xa iniciadas o ano pasado con motivo dos recortes de persoal. As traballadoras e traballadores detiveron hoxe o reparto como protesta ante a falta de contratación.
Para demostrar as deficiencias denunciadas, o persoal elaborou un estudio sobre os envíos pendentes de repartir debidos á perda de persoal que xa foi trasladado meses atrás á asociación de veciños e veciñas da Agra do Orzán.
Recorte de persoal nos distritos 10 e 11
Dende a representación social subliñan que o motivo desta folga é o recorte posto en marcha por Correos no ano 2017 do número de efectivos de reparto nos distritos 10 e 11 da Coruña, que comprende zonas como Agra do Orzán, As Roseiras, Labañou, Cidade Escolar, Visma, Ventorrillo, A silva, San roque de Fora e Cidade Xardín, entre outras. Esta redución de efectivos, unida á falta de contratación de substitutos/as "fai que o servizo postal se vexa prexudicado".
O persoal entende que o recorte realizado por Correos na devandita unidade "é desproporcionado", pois Correos eliminou 6 postos de traballo de reparto a pé, (dos 24 que existen nestes momentos) e, ademais, deixa algunhas desas persoas sen percorrido estábel (o que internamente lle chaman “flotantes”).
"Correos tamén declarou a pretensión de non cubrir as ausencias que se produzan por baixas, vacacións, etc... o que minguaría aínda mais a capacidade desa unidade". Comité e Xunta de persoal alertan que estas modificacións farán empeorar a calidade do servizo e imposibilitarán cumprir co servizo "coa calidade que ten dereito a cidadanía, pois o persoal será insuficiente para cumprir co reparto diario".
O persoal do centro elaborou a seguinte táboa reivindicativa:
• Mantemento do número actual de postos de traballo existentes na unidade, 24 seccións de reparto a pé e 4 motorizados (1 furgoneta e 3 motocicletas), e que se cubran con persoal fixo.
• Que toda as persoas da unidade teñan unha zona de reparto estábel. "Coñecer a nosa zona de reparto é a maneira de prestar un mellor servizo a toda a veciñanza, e vemos tamén que a inestabilidade xera peores condicións laborais", aseveran.
• Demandar que Correos se comprometa a cubrir as ausencias de persoal (baixas, vacacións, permisos), así como as seccións que proximamente quedarán vacantes por xubilación ou traslado.
• Demandar que a empresa evite que as persoas que neste momento prestan o servizo nesta unidade teñan que ser desprazadas forzosamente.