O persoal de DIGI, en loita contra a precarización das súas condicións laborais e salariais

A CIG presentou denuncia na Inspección de Traballo contra a empresa por esquirolaxe
A Coruña - 23 Set 2025

Os traballadores e traballadoras de DIGI están secundando este martes a primeira das tres xornadas de folga en rexeitamento ao I Convenio colectivo de empresa, xa que suporá un severo recorte dos dereitos salariais e laborais. Para darlle máis visibilidade á súa loita, o persoal da Coruña concentrouse na tenda que DIGI ten na céntrica rúa Juan Flórez e mañá repetirá mobilización, ás 11:30h, no comercio da rúa Barcelona.

"DIGI tira os prezos e tamén os salarios", “convenios aquí e non en Madrid”, ou “menos patrocinio e máis convenio" foron algunhas das consignas que se escoitaron durante a protesta. O persoal denunciou que este convenio foi asinado por CCOO e UGT en Madrid, de costas ao persoal traballador afectado e sen contar coa súa participación.

O presidente do comité provincial, José Luis Álvarez, advertiu que o convenio asinado suporá unha importante precarización das condicións económicas e laborais con respecto ao convenio de siderometal da Coruña, polo que se vén regulando este persoal. Como exemplo, expuxo que para un contrato novo de celador, a diferenza de salario sería de 5.800 euros menos ao ano, mentres que o persoal técnico de instalación e mantemento perdería até 6.600 euros anuais.

Ademais, o convenio de DIGI contempla un día menos de vacacións, non recoñece o tempo de desprazamento como tempo efectivo de traballo e reduce os complementos de asistencia, dietas ou extras.

Diante deste ataque aos dereitos, Álvarez xa avanzou que “impugnaremos o convenio en canto se publique” e non se descarta incrementar as medidas de presión “se a empresa segue sen reunirse con nós. Levamos seis meses esperando e aínda non se dignou a darnos unha resposta”, criticou.

Esquirolaxe da empresa

Neste primeiro día de folga,  ademais, a CIG tivo que presentar denuncia na Inspección de Traballo contra DIGI por vulneración do dereito fundamental á folga. A empresa, que se negou a negociar co comité os servizos mínimos, trasladou este martes persoal dende Madrid en furgonetas co obxectivo de suplir os traballadores en folga. Unha práctica de esquirolaxe completamente ilegal coa que DIGI intenta minimizar o impacto da folga e que a clientela non sexa consciente do conflito.

Así as cousas, os traballadores e traballadoras de DIGI seguirán adiante na loita pola defensa dos seus dereitos e contra un convenio de empresa totalmente regresivo.