O persoal de Dinahosting acepta o novo convenio, que recupera o anterior e incorpora melloras

A empresa compostelá decidira deixar caer o pacto laboral para precarizar as condicións de traballo

Santiago -

O comité de empresa de Dinahosting, empresa do sector das TIC con sede en Santiago de Compostela, asinou este martes o novo convenio colectivo despois de que fose aceptado en asemblea pola práctica totalidade do cadro de persoal. Este novo pacto, que substitúe ao anterior unha vez decaera pola eliminación da ultraactividade decretada na reforma laboral de 2012, é un calco do anterior ao que se lle engadiron practicamente todas as melloras negociadas desde outubro de 2020, data da denuncia automática do convenio, até o 1 de outubro de 2021.

Segundo lembran dende a representación sindical, formado integramente por delegados/as da CIG, a compañía decidira deixar caer o convenio propio para non aplicar as melloras laborais negociadas durante anos polo comité coa dirección. “E iso a pesar de que aínda se estaba en negociacións, pero abriuse un AGA, ao que a empresa decidiu unilateralmente non asistir á segunda reunión, que se axendara e confirmara para o 8 de outubro”. 

O persoal desenvolveu mobilizacións e paros en defensa das súas condicións laborais

Ao mesmo tempo, sinalan que nun primeiro momento a empresa comezou a aplicar o convenio estatal de Consultorías, obrigando, por exemplo, os traballadores/as a recuperar o tempo de acompañamento médico a crianzas pequenos e persoas dependentes. Despois da presión da maioría do persoal cunha concentración diante das instalacións da empresa en Compostela e cun paro de catro horas, a empresa comezou a ofrecer acordos individuais a cada traballador/a, “para tentar desactivar a negociación colectiva, cos mesmos dereitos e beneficios sociais que tiña o convenio que deixaba caer”.

Mais diante dunha inminente convocatoria de folga de 24 horas o 25 de outubro, Dinahosting decidiu presentarlle ao comité de empresa un laudo arbitral no CGRL, que resultou desfavorábel ás pretensións dos traballadores/as.

Agradecementos

Posteriormente, da maioría do persoal decidiu ir á folga tres días, o mércores 24, xoves 25 e venres 26 de novembro, coincidindo co denominado 'Black Friday'. “Ao día seguinte de comunicar por correo interno esta decisión, a dirección chamou os representantes sindicais para ofrecer o convenio de volta, ante a perspectiva de que a loita sindical ía continuar”. En votación telemática, a práctica maioría acordou a desconvocatoria de folga e que o comité de empresa negociara os últimos detalles do novo convenio.

Finalmente redactouse na mesa negociadora o texto definitivo, que foi ratificado tamén en asemblea pola práctica totalidade do persoal. O novo texto, “que é un calco do anterior, pois recolle todos os beneficios sociais e todas as condicións salariais do vello”, tamén engade as novas melloras que se acordaran durante a negociación (plus social de garderías, plus de teletraballo, compensación nas gardas de soporte x2, etc.)

Para rematar, dende o comité de empresa trasládanlle o seu agradecemento a todas as persoas de alleas a Dinahosting que apoiaron as mobilizacións “dun ou doutro xeito”e recoñecen en especial “o traballo e a constancia dos traballadores/as que loitaron polo mantemento do convenio colectivo de empresa”.

Volver