O persoal de Einsa inicia mobilizacións para esixir melloras salariais e sociais

Realizaron unha concentración diante da planta das Pontes coincidindo cos cambios de quenda
As Pontes - 07 Out 2019

Traballadores e traballadoras de Einsa Print iniciaron este luns un calendario de mobilizacións para esixir da empresa melloras salariais e laborais, que lles permitan recuperar os dereitos perdidos tras doce anos coas condicións conxeladas. As protestas repetiranse o próximo xoves e os día 14 e 17 de outubro, con concentracións de 14 a 16 horas diante das instalacións da planta no Polígono de Penapurreira (As Pontes), coincidindo coas saídas e entradas das quendas de traballo.

O presidente do comité e delegado da CIG, Daniel Pena, explica que levan meses tentando negociar coa dirección unha táboa reivindicativa, pero a empresa continúa sen facer unha oferta que permita, cando menos, chegar a un acordo para iniciar a recuperación das condicións laborais e do poder adquisitivo perdido na última década.

Cómpre lembrar que o pasado 17 de xullo, os membros do comité realizaron un peche nas oficinas da empresa por este mesmo motivo, ante a negativa da dirección a negociar calquera incremento por enriba do establecido no convenio colectivo. Grazas a esta medida de presión, o persoal conseguiu que a empresa sentara negociar, pero dende entón non se teñen producido ningún tipo de avances.

Neste senso, o presidente do comité subliña que no ano 2012 o conxunto dos traballadores e das traballadoras de Einsa fixo un enorme esforzo asumindo reducións de salarios e perdas de condicións sociais "a conta de garantir a continuidade da empresa". Agora, Einsa segue a escudarse na situación económica e nunha presunta falta de contratos para non atender as reivindicacións sociais, "pero nós vemos que a situación é outra, e que está entrando carga de traballo".

En resposta ao bloqueo da empresa, os traballadores e traballadoras acordaron en asemblea realizar concentracións os días 7, 11, 14 e 17 de outubro e non se descartan outro tipo de medidas se Einsa mantén a súa postura inmobilista.

Ademais das melloras sociais e salariais, o comité demanda garantías de inversión e modernización da planta das Pontes para dotala de futuro "e que non nos vexamos na mesma situación que outras instalacións que Einsa deixou morrer porque ao non investir nelas quedaron obsoletas".