
O persoal de Einsa Print iniciará folga indefinida o 16 de xuño en resposta ao ERE notificado pola empresa

O pasado martes día 3, o comité de Einsa Print das Pontes recibiu a notificación por parte da empresa de que se ía iniciar un procedemento de despedimento colectivo de xeito inminente, en base a causas económicas e produtivas.
Tras recibir a comunicación, a representación legal trasladoulle á asemblea de traballadores e traballadoras celebrada no día de onte, mércores 5 de xuño, a pouca información de que dispón, “mais aló de que o inicio do período de consultas está datado para o día 16 de xuño”.
Diante do descoñecemento do alcance deste ERE e coa sospeita de que puidera afectar mesmo á totalidade do cadro de persoal da factoría das Pontes, os traballadores e traballadoras acordaron convocar folga indefinida a partir do día 16, coincidindo co inicio do período de consultas.
Cómpre salientar que a empresa pretende levar adiante estes despedimentos pouco máis dun ano despois doutro ERE que reduciu á metade o seu cadro de persoal e no medio do período de compromiso de mantemento do emprego recollido no plan de viabilidade pactado.
Esta convocatoria de folga, referendada pola práctica totalidade do persoal, amosa a súa determinación de cara a defender os seus postos de traballo.