O persoal de Einsa Print mobilizarase o 23 de outubro en Madrid coincidindo co xuízo de impugnación do ERE
Os traballadores e traballadoras de Einsa Print acordaron convocar unha mobilización para o 23 de outubro en Madrid, con motivo da celebración na Audiencia Nacional do xuízo de impugnación do expediente de extinción de emprego. Ademais, na semana previa, o persoal tamén ten previsto concentrarse diante do Concello das Pontes, nun día aínda por concretar.
Así se acordou na asemblea xeral convocada este xoves polo comité para informar do estado da impugnación, a fixación da data de xuízo e avaliar as accións a desenvolver. Neste senso, o secretario comarcal da CIG-Industria de Ferrol, Serxio Martínez, reitera a reivindicación de que se manteña o acordo de garantías de emprego até finais de 2026, que a empresa incumpriu”.
Nestes intres, estase desmantelando a maquinaria de artes gráficas e nas instalacións de Penapurreira só permanecen arredor de 25 traballadores/as facendo tarefas de mantemento e oficina. Este é o persoal que, no marco do expediente de regulación, a empresa contempla manter como máximo até marzo de 2026, data na que tamén serán despedidos/as.
Porén, engade Martínez, “o conflito non rematou e por iso seguiremos a nos mobilizar e reclamar que se recoñeza que este ERE é unha fraude”. Denuncia que a dirección non tivo en ningún momento intención de buscar alternativas aos despedimentos, que non existen as causas sobrevidas alegadas e que “todo estaba planeado para ir ao peche”, tal e como evidencia o feito de que no medio do período de consultas, Einsa Print se deu de baixa do imposto de actividades económicas.
Por todo isto, o persoal non dá por concluída a súa loita, a impugnación segue adiante e continuarán reclamando das administracións unha resposta contundente para protexer o emprego e evitar a especulación.