O persoal de Einsa Print nas Pontes inicia mobilizacións en demanda de melloras salariais e laborais

As Pontes - 01 Mar 2023

Os traballadores e as traballadoras de Einsa Print iniciaron este mércores un calendario de concentracións en resposta á falta de avances nas negociacións coa empresa por unha suba salarial digna, melloras nos sistemas de traballo e de goce das vacacións. As protestas, que se repetirán os días 3 e 6 de marzo, desenvólvense de 14 a 16h horas diante das instalacións de Einsa no Polígono de Penapurreira, nas Pontes.

O presidente do comité, Daniel Pena (CIG), explica que as negociacións coa dirección da empresa (que pertence ao sector de artes gráficas) comezaron o pasado 27 de outubro, pero despois de oito xuntanzas non se teñen producido avances que permitan chegar a acordo. Denuncia que a dirección non accedeu a ningunha das demandas do persoal e "o que nos ofreceu até agora non se achega para nada ao que pedimos".

Neste senso, Pena sinala que as principais reivindicacións do cadro de persoal refírense ás melloras salariais, pois o convenio de empresa está sen actualizar e dende o ano 2012 "os nosos salarios están conxelados e perdemos progresivamente poder adquisitivo". Unha perda agravada polo medre imparábel da carestía da vida e que chega ao punto de que varios niveis salariais dentro da empresa xa quedaron por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional. Por isto, ademais dun incremento acorde co IPC que permita garantir o mantemento do poder adquisitivo, tamén se reclama unha suba do 4% adicional.

Xunto a isto, o comité pide recuperar as condicións de pago do plus de traballo en sábados, domingos e festivos que existían nos acordos previos, xa que na actualidade o método de cálculo da retribución destes días "quedou desfasado" e non compensa "o prexuízo que supón para a conciliación da vida laboral e familiar".

Coas protestas tamén se reclama a Einsa Print que mellore os sistemas de traballo e de goce das vacacións, posto que o actual sistema de cinco quendas "precariza as nosas condicións socio-laborais". Neste senso, o presidente do comité sinala que nos calendarios que vén de presentar de maneira unilateral a empresa, báixase de cinco a tres quendas laborais, o que facilitaría a organización das vacacións, mais este cambio, advirte, tamén terá un impacto nunhas nóminas xa mermadas, ao perder pluses por traballar menos festivos.

Ante a negativa da dirección a garantir unhas melloras económicas e sociais dignas, os traballadores e traballadoras "vémonos na obriga de mobilizarnos para que a empresa mude a súa posición inmobilista, desbloquee as negociacións e poidamos avanzar nun acordo satisfactorio".