• Nova

O persoal de Elecnor, subcontrata de R Cable en Pontevedra, convoca folga para reclamar a subrogación

Os paros serán os días 28, 29, 30 e 31 de marzo e 1 de abril, e haberá protestas en Vigo a partir do martes
Vigo/Pontevedra - 25 Mar 2022

O persoal pontevedrés de Elecnor, empresa vasca encargada dos traballos de instalación e mantemento da compañía R Cable, convoca cinco xornadas de folga e mobilizacións para reclamar a subrogación por parte da nova compañía encargada do servizo. A CIG-Industria denuncia que os empregados/as de Elecnor quedarán na rúa no caso de que a nova subcontrata, a empresa valenciana Obremo, non asuma os seus contratos, algo que si fixo na provincia de Ourense.

Dende a central sindical sinalan isto foi posíbel porque o convenio colectivo provincial do Siderometal ourensán contempla a subrogación entre empresas privadas, algo que non figura no convenio de Pontevedra. Deste xeito, cando o vindeiro 30 de marzo remate a concesión do servizo os arredor de 40 traballadores/as de Elecnor serán despedidos/as se R Cable non lle reclama á nova subcontrata que os subrogue. 

Arredor de 40 traballadores serán despedidos se non se produce a subrogación

Por iso os afectados/as apostaron por promover unha convocatoria de paros o vindeiro luns 28, martes 29, mércores 30 e xoves 31 de marzo e o venres 1 de abril. Ao mesmo tempo, desenvolverán mobilizacións diarias a partir do martes en Vigo, en concreto diante da sede de R na rúa García Barbón, 38, de 10:30 a 12:30 horas.

Elecnor, cuxa representación sindical está formada por 2 delegados/as de persoal da CIG e 1 de CCOO, ten o seu centro de traballo no polígono do Rebullón, en Mos, pero os seus empregados/as prestan servizo de instalación e mantemento para R Cable por toda a provincia de Pontevedra.