O persoal de ElectroRayma atrasa a entrada ao estaleiro de Fene para esixir solucións inmediatas

Reclámanlle a empresa e a Navantia que senten negociar e cheguen a acordos

Fene -

Un piquete informativo de traballadores de ElectroRayma situouse dende ás 05 ás 09:30 horas deste mércores ás portas de entrada do estaleiro de Fene para explicarlle o persoal de Navantia e as súas auxiliares a crítica situación que atravesan por mor do conflito financeiro aberto entre a empresa e Navantia e o embargo que pesa sobre as contas da compañía.

Esta é unha máis das mobilizacións que os traballadores están realizando para esixir solucións inmediatas, así como a intervención das administracións de maneira que se garanta a continuidade dos máis de 150 empregos e poder cobrar os salarios, pois teñen pendente de recibir a mensualidade de setembro e a paga extraordinaria do verán.

A protesta provocou un importante atraso na entrada ao estaleiro e os traballadores de ElectroRayma advirten que proseguirán coas mobilizacións até que haxa unha solución de viabilidade enriba da mesa.

Neste senso, a CIG Industria urxe a Navantia, en atención ao seu carácter de empresa pública e motor económico da comarca, a concretar xa data de reunión coa súa auxiliar e traballar para desbloquear a situación. Cómpre lembrar que ElectroRayma e Navantia teñen conflito aberto por diferenzas en canto aos custos dos traballos para os buques australianos, e mentres a auxiliar lle reclama 4,7 millóns de euros, Navantia só lle recoñece unha parte desa contía.

A incerteza pola continuidade dos empregos e o cobro dos salarios agrávase porque Facenda decretou un embargo das contas de ElectroRayma, bloqueando os movementos de diñeiro.

Así as cousas, o persoal reclama solucións urxentes a un conflito do que son alleos pero que podería derivar nunha nova desfeita laboral nunha comarca como a de Ferrol, que non se pode permitir destruír nin un só emprego nin unha industria máis.

Volver