O persoal instálase nas oficinas de Elinco para esixir o pago dos salarios e información sobre o futuro da empresa

A compañía perdeu un contrato con Navantia polas débedas que ten coa Seguridade Social
Ferrol - 15 Xul 2019

O persoal de Elinco acordou esta mañá instalarse de maneira indefinida nas oficinas da compañía para esixir información clara e concreta sobre o futuro da empresa e garantías do pago do salario de xuño e da paga extraordinaria. Esta medida de presión adóptase ademais, tras da perda do contrato con Navantia pola débeda que Elinco ten coa Seguridade Social e ante as ameazas dun posíbel concurso de acredores con proposta de liquidación.

Elinco Construciones Eléctricas vén arrastrando problemas no pago das nóminas dende hai meses, malia ser unha das contratistas coas que Navantia sempre conta e de feito conseguiu parte do servizo de electrónica dos AORs, "polo que este contrato debería garantir a viabilidade da empresa cando menos até a súa finalización, máis aínda cando Elinco ten presenza tamén noutros sectores",  explica Ramón Fernández Alfonzo, da CIG-Industria de Ferrol.

Neste senso, sinala que, ademais do impago dos salarios, a compañía acumula unha débeda coa Seguridade Social de tres meses o que provocou que Navantia impedira o acceso dos traballadores/as ao estaleiro e a suspensión do contrato dos AORs. A raíz deste feito, dende o pasado mércores, os traballadores/as estanse concentrando todos os días as sete da mañá diante das oficinas de Elinco no Polígono das Lagoas para esixir explicacións aos propietarios.

O comité reclama solucións

Porén, as respostas da empresa non fan máis que incrementar as incertezas entre os 67 traballadores/as fixos e os máis de 20 temporais aos que Elinco xa lle comunicou o seu despedimento o pasado venres. "Até agora o único que nos comentaron é que sen o contrato de Navantia a empresa é inviábel, porque as facturas que pagaba Navantia eran as que entregaban aos bancos para conseguir liquidez", apunta Fernández Alfonzo.

Ante esta complexa situación, a dirección estuda solicitar concurso voluntario de acredores con proposta de liquidación, e ao tempo fala dunha posíbel solución dentro do concurso, xa que, segundo din, hai un inversor interesado en adquirir os activos de Elinco. "Unha información que contradín os avogados da empresa, que parecen ter outros plans para eses cartos".

"Elinco fala de varias propostas pero non concreta ningunha saída que garanta o futuro dos empregos e o pago das nóminas", advirte o representante sindical. Para atallar este crítico escenario, o comité xa solicitou por escrito á dirección que presente un expediente de regulación temporal de emprego, xa que a través deste procedemento o persoal mantería a vinculación laboral con Elinco e podería acceder de inmediato á prestación por desemprego ou a un emprego noutra empresa, sen ter que agardar a que se resolva o concurso.

A factura pendente de Navantia, que sirva para pagar os salarios

A este respecto, a representación social esixiu da empresa que garanta que a factura de Navantia que está pendente de cobrarse se utilizará para abonar os salarios de xuño e a paga extraordinaria a todo o persoal. "Hai un problema grave de liquidez que descoñecemos de onde vén", engade Ramón Fernández, mentres lembra que a día de hoxe Elinco é propiedade ao 100% de Grupo Elinco, unha estrutura societaria constituída hai pouco polos tres socios propietarios, que ademais contan con outra empresa, Innain Technologies, a onde estiveron desviando carga de traballo. "Esiximos información clara sobre as contas e saber que plans teñen para esta empresa. E mentres non teñamos esa información, seguiremos dentro das oficinas", conclúe.