O persoal de EMESA mobilizarase en defensa do emprego e do futuro da fábrica de Coirós

O venres, 13 de decembro, concentraranse ás 13 horas na Praza Irmáns García de Betanzos
Coirós - 09 Dec 2019

A asemblea de traballadores e traballadoras de Elaborados Metálicos EMESA acordaba esta mañá convocar un calendario de mobilizacións e accións para esixir do Grupo Soil Recovery que abone de inmediato as nóminas pendentes e ofreza información clara e precisa sobre a situación da empresa. Deste xeito, o vindeiro venres, 13 de decembro, o persoal concentrarase ás 13:00 horas na Praza Irmáns García de Betanzos, mentres que o 20 de decembro, levarán as protestas até o edificio da Xunta na Coruña (Praza de Luis Seoane), onde realizarán unha concentración ás 12:00 horas.

Xunto a isto, explica o  presidente do comité, Alberte Muíño, vaise solicitar unha reunión co conselleiro de Industria para demandar a implicación da Administración galega neste conflito, tanto na súa condición de acredora de EMESA (que ten débedas pendentes co IGAPE) como de cara a buscar saídas viábeis que garantan a continuidade dos empregos e da actividade produtiva na fábrica de Coirós.

De igual xeito, o comité presentará mocións nos concellos da comarca solicitando o apoio e a solidariedade das corporacións locais, que insten á Consellería a recibir o comité e a que se implique activamente na procura de solucións.

A este respecto, Muíño subliña que EMESA ten unha longa traxectoria no sector, conta con carga de traballo suficiente e cun persoal altamente cualificado, mais a nefasta xestión empresarial dos últimos provocou que, a día de hoxe, o Grupo Soil estea en concurso de acredores e o futuro das instalacións e dos empregos en perigo.

Mutismo total da dirección

Malia a gravidade da situación, dende a dirección non facilitan ningún tipo de información sobre que medidas estudan levar adiante, ameazando unicamente con aplicar un ERE extintivo de maneira progresiva para todo o cadro de persoal. De feito, a empresa nin sequera aclara cando e como vai proceder ao abono dos salarios dos traballadores/as que levan dende o mes de setembro sen cobrar as súas nóminas.

Muíño advirte que permitir que o Grupo Soil Recovery force o peche de EMESA suporía un duro golpe social, laboral e económico para a comarca de Betanzos e a área a da Coruña, que viría sumarse ao dramático desmantelamento que sufre o sector industrial galego.