O persoal de EROM-Lugo mobilizarase polos seus dereitos e para esixir o cumprimento dos acordos

Convocan concentración este xoves, día 13, na nave que a empresa ten no Polígono de Vilalba
Vilalba - 12 Feb 2020

A asemblea de traballadores e traballadoras de EROM SLU Lugo (división de Acciona que realiza o mantemento dos parques eólicos) decidiu iniciar mobilizacións ante o incumprimento por parte da empresa dos acordos acadados, para esixir que se respecten os dereitos laborais e salariais e que se traslade á representación social toda a documentación solicitada.

Deste xeito, o próximo xoves, 13 de febreiro, o persoal concentrarase na nave que EROM ten polígono empresarial de Sete Pontes en Vilalba, entre ás 17 e ás 18 horas.

Pecualiridade das tarefas e dispersión dos lugares de traballo

Logo de quen en maio pasado se elixira por primeira vez representación sindical en EROM Lugo, que conta na provincia cuns 112 traballadores e traballadoras distribuídos polos diferentes parques eólicos, o comité reuniuse en varias ocasións coa dirección para tentar aclarar condicións laborais, requisitos e contaprestacións, atendendo á peculiaridade das tarefas que prestan e á dispersións dos lugares de traballo.

Desas negociacións, explica o comité, saíron uns acordos mínimos polos cales a empresa se comprometía a definir cada centro de traballo e que persoas están adscritas a cada un, "co obxectivo de controlar o tempo de traballo e os descansos pertinentes derivados dos desprazamentos entre parques". Para o persoal este é unha cuestión moi importante, tendo en conta que os poden chamar estando no Vicedo para facer un traballo no parque da Fonsagrada e ese desprazamento non conta como tempo de traballo efectivo, non se compensa, nin se desconta da bolsa de horas.

En relación con isto último, cómpre subliñar que a empresa elabora os calendarios laborais en sete horas/día, polo que ten organizada unha bolsa de horas na que acumula o tempo restante até a xornada completa. Esas horas distribúeas ao seu antollo para facer tarefas non cotiás, pero negándose ademais a recoñecelas como xornada irregular. Diante disto, o comité demanda unha regulación clara na distribución da xornada laboral e que se consulte coa representación social a elaboración dos calendarios. Outro punto que até o momento a empresa non está a cumprir.

Pouca información e sesgada

Xunto a isto, o persoal reclama un desglose dos conceptos das condicións económicas variábeis para coñecer que porcentaxe da retribución non fixa (que a empresa calcula en función do cumprimento de múltiples criterios) cobra cada mes e os motivos, no seu caso, de por que se lle aplican descontos.

 A dirección tamén se comprometera a trasladar material, a documentación e os medios necesarios para facilitar o labor do comité, mais a día de hoxe EROM só remitiu unha información escasa e moi sesgada. Ante este "ninguneo e esta tomadura de pelo", os traballadores e traballadoras acordaron convocar esta primeira concentración en Vilalba e non descartan novas protestas se a empresa non dá un paso adiante.