• Nova

O persoal de Esteve Teijin continúa mobilizándose contra a precarización laboral

Manifestáronse en Pontevedra, nunha nova xornada de folga secundada por todo o persoal
Pontevedra - 21 Feb 2022

Traballadores e traballadoras de Esteve Teijin mobilizáronse esta mañá polas rúas de Pontevedra, coincidindo cunha nova xornada de folga que foi secundada por todo o persoal –agás o 47% dos servizos mínimos decretados pola empresa- contra a precarización laboral, os despedimentos arbitrarios e en denuncia das deficiencias na asistencia que se presta ás e aos doentes.

Persoal de Esteve Teijin percorreu este luns as rúas de Pontevedra para rematar cunha concentración diante do hospital provincial. No decurso da protesta denunciaron as súas precarias condicións laborais, mais tamén a falta de comunicación formal por parte da empresa para manter unha xuntanza na que abordar as cuestións que o persoal demanda, nomeadamente a readmisión dos 5 compañeiros despedidos.

O pasado venres, tras das dúas primeiras xornadas de folga, a consellaría de Sanidade contactou co comité de empresa para concertar unha xuntanza para aínda dentro dun mes, o vindeiro 18 de marzo, ás 10:00 horas, cunha representación do comité.

Esteve Teijin ten adxudicado o servizo de terapias respiratorias a domicilio nas áreas sanitarias de Santiago-Barbanza, Vigo e Pontevedra-O Salnés e presta aproximadamente 25.000 tratamentos a doentes con distintas afeccións respiratorias, como EPOC, apnea do sono ou enfermidades musculares que afectan á respiración.

Porén, desde que se fixo co contrato en novembro de 2020, a empresa está incumprindo de maneira reiterada o prego de condicións tanto no número de traballadores/as, como a respecto das condicións laborais e do servizo que se presta ás e aos pacientes.

Subcontratacións para enriquecer a empresas privadas a costa dos servizos públicos

Segundo explicou no decurso da mobilización o representante da CIG, Benedicto Blanco, “tanta subcontratación como a que se está facendo dos servizos públicos está resultando unha fraude”. Neste sentido asegura que a falta de persoal non é de agora. “Esta empresa contou, desde que se fixo coa concesión con menos persoal do comprometido nos pregos”. Unha forma, asegurou, de “incrementar os seus beneficios”.

Blanco denuncia ademais que ao non haber subrogación en parte dos convenios das empresas concesionarias, como neste caso, as traballadoras e traballadores vén limitada a súa capacidade para denunciar os incumprimentos. “A situación agrávase aínda máis cando a administración elude a súa responsabilidade de vixiar que se cumpran os requisitos da concesións”. Unha situación que, afirma “está provocando graves prexuízos para as e os doentes e, nomeadamente para os servizos públicos”.

O representante da CIG demanda, por iso, que se garanta a subrogación para o persoal das subcontratas. Entende que, deste xeito, non só se reduciría a precariedade, senón tamén a calidade dos servizos, porque as traballadoras e traballadores poderían denunciar en caso de incumprimentos.

Esteve Teijin continúa ademais sen contratar o persoal necesario para cumprir coas ratios establecidas no prego de condicións, pois debería contar con 136 profesionais, pero neste momento só ten 77, a pesar do SERGAS  pagar por este servizo público concesionado a esta empresa privada millóns de euros, e cando os propios pacientes se están queixando pola deficiente atención recibida.

E non só iso. A finais de xaneiro despediu a cinco traballadores e traballadoras por motivos disciplinarios despois de abrirlle expedientes sancionadores, acusando o persoal de faltas graves que non xustificou.

A representación do persoal advirte que a empresa recorre a este tipo despedimento para sortear as sancións económicas recollidas no prego de condicións por cada profesional que haxa de menos do estipulado no contrato. Á sobrecarga de traballo pola falta do persoal necesario súmase que a empresa non cubre as baixas, as vacacións ou os permisos.

Incumprimentos no servizo

A representación social denuncia ademais que a empresa pretenda tirar proveito económico dun servizo público recortando persoal, sobrecargando os traballadores e traballadoras e non respectando as condicións mínimas marcadas polo convenio do sector (o de industria química) no relativo aos desprazamentos, ás dietas ou á categoría profesional.

Todo isto ten unha repercusión directa na atención que se presta ás e aos pacientes e, polo  tanto, no seu estado de saúde. Incidindo nesta cuestión, advirten que a empresa toma decisión de maneira unilateral que non respectan os protocolos establecidos nas indicacións do persoal facultativo do SERGAS e dos fabricantes dos equipos.

E mesmo comezou a obrigar os/as pacientes a quen se lle prestaba servizo no seu domicilio, a acudir de maneira ambulatoria o centro Respiratoria Esteve Teijin Asistencial (denominado pola empresa CRETA), nalgúns casos tendo que desprazarse máis de 50km dos seus domicilios.