O persoal de Esteve Teijin irá á folga os días 14 e 21 contra os incumprimentos laborais e do servizo

A empresa ten adxudicado o servizo de terapias respiratorias do SERGAS nas áreas de Santiago-Barbanza, Pontevedra-O Salnés e Vigo
Nacional - 03 Feb 2022

A representación sindical de Esteve Teijin (compañía que ten adxudicado o servizo de terapias respiratorias a domicilio nas áreas sanitarias de Santiago-Barbanza, Vigo e Pontevedra-O Salnés) acordou convocar folga os días 14 e 21 de febreiro en resposta aos  reiterados incumprimentos en materia laboral e aos despedimentos arbitrarios executados nos últimos meses, así como para denunciar as eivas na asistencia que se presta aos e ás pacientes.

A folga ten carácter xeral e afecta aos preto de 100 traballadores e traballadoras que a empresa ten na provincia de Pontevedra e na zona de Santiago-Barbanza, ligados á prestación do contrato do SERGAS. O anuncio fíxoo esta mañá a representación do persoal nunha comparecencia na que alertaron dos continuados incumprimentos tanto do prego de condicións como en materia laboral, dende que a compañía comezou a prestar este servizo en novembro de 2020.

Despedimentos disciplinarios

Neste senso, Manuel Rodríguez, delegado da CIG, subliñou que a empresa non está cumprindo coas condicións mínimas marcadas polo convenio do sector (o de industria química) no relativo aos desprazamentos, ás dietas ou á categoría profesional, o que se traduce nun prexuízo tanto nos salarios como nas condicións de traballo "cando a empresa si que lle está cobrando ao SERGAS pola categoría que lle corresponde ao persoal".

Informou que, no mes de novembro, e sen previo aviso nin negociación co persoal, comezáronse a producir cambios nas condicións de traballo e contractuais, retirándoselle a moitos dos/as traballadores/as o vehículo de empresa que utilizaban para a atención nos domicilios, tendo que utilizar agora os seus propios automóbiles sen percibir compensación ningunha. Isto levou o persoal a interpor varias demandas reclamando os dereitos, polos cales a empresa lle está cobrando ao SERGAS.

Pero en lugar de repor os dereitos, Esteve Taijin, reaccionou convidando o persoal que non estivera contento a marchar voluntariamente. O seguinte paso foi abrir, no mes de xaneiro, varios expedientes sancionardores, acusando o persoal de faltas graves que non xustificou, que concluíron coa aplicación de despedimentos disciplinarios "sen que a empresa tivera en conta sequera as alegacións presentadas e argumentadas polos traballadores".

Con esta manobra, apuntou o secretario da CIG-Industria de Compostela, Benedito Blanco, a representación social entende que a compañía quere facer unha redución encuberta do cadro de persoal, aforrando así custes e evitando as penalizacións establecidas no prego de condicións co SERGAS. Por iso, aseverou, "a Xunta tenlle que obrigar a empresa a cumprir co número de persoal que está establecido nos pregos".

Xunto a isto, denunciaron que as presións exercidas por parte da empresa, a falta de persoal e a falta de medidas de seguridade están provocando desde o principio da concesión numerosas baixas laborais que non son substituídas, "xerando un sobreesforzo por parte do persoal e unha mala calidade asistencial aos e ás pacientes". Da mesma maneira, continúan, desde o inicio da concesión, non se está a cubrir ningunha ausencia como vacacións ou permisos.

Tanto a representación do persoal como as organizacións sindicais tentaron en numerosas ocasións esixirlle o cumprimento do contrato á empresa, "encontrándonos sempre coa negativa por parte da dirección". Diante deste inmobilismo e dos recentes despedimentos, acordaron convocar estas dúas primeiras xornadas de folga, aínda que non descartan endurecer as medidas.

A empresa tamén incumpre nas condicións asistenciais

Cómpre salientar que Esteve Teijin (unión do grupo químico-farmacúetico español Esteve e do grupo tecnolóxico xaponés Teijin)  presta servizo para o SERGAS dende o 1 de novembro de 2020, tras facerse cos tres lotes nun contrato con vixencia até o 31 de outubro de 2023, prorrogábel por dous anos máis. Por este servizo recibe anualmente máis de 19 millóns de euros para prestar aproximadamente 25.000 tratamentos a doentes con distintas afeccións respiratorias, como EPOC, apnea do sono ou enfermidades musculares que afectan á respiración.

Pero ademais dos incumprimentos laborais, a representación social advertiu que a compañía tamén está incumprindo os pregos do contrato. Así, indicaron que a empresa deu orde de non entregar material dende o 1 de novembro ao 31 decembro por supostas cuestións económicas, mesmo prohibíndolle os traballadores e traballadoras atender de maneira presencial os/as pacientes. "Esta decisión prexudica claramente o seguimento das terapias respiratorias e polo tanto, ten unha repercusión directa no seu estado de saúde", salientaron.

Ademais, dende o 1 de novembro, e de maneira unilateral sen consultar con SERGAS nin co persoal, a empresa decidiu duplicar o número de visitas e revisións de pacientes, en contra dos protocolos establecidos nas indicacións do persoal facultativo e dos fabricantes dos equipos.

Nese mesmo mes e tamén de manira unilateral Esteve Teijin comezou a obrigar os/as pacientes a quen até esta data lle prestaba servizo no seu domicilio, a acudir de maneira ambulatoria o centro Respiratoria Esteve Teijin Asistencial (denominado pola empresa CRETA), nalgúns casos tendo que desprazarse máis de 50km dos seus domicilios. A empresa, apuntan, "obrigou os traballadores e traballadoras a indicarlle aos/ás pacientes que estes cambios viñan marcados polo SERGAS".

A este conxunto de despropósitos, consecuencia de externalizar os servizos públicos, o comité engade que Esteve Teijin non cumpre coas condicións establecidas nos pregos do contrato en canto ao número de persoal, a flota de automóbiles e os centros loxísticos. Por iso, fixeron un chamamento ao SERGAS para que interveña, exerza o labor de supervisión e obrigue a empresa a cumprir cos pregos tanto no que ten que ver coas condicións laborais como para garantir a calidade asistencial das e dos pacientes.