O persoal de Eulen que fai o mantemento dos leitos fluviais para Augas de Galiza mobilizarase pola continuidade dos seus empregos

Este venres 13 de novembro, ás 12:00 horas, concentraranse diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza na Coruña
A Coruña - 12 Nov 2026

A Federación de Construción e Madeira da CIG (FCM-CIG) convoca para mañá, venres 13 de novembro, ás 12:00 horas, unha concentración diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza en Monelos, na Coruña, ante o anuncio do despedimento da totalidade dos traballadores e traballadoras que integran o servizo de conservación e mantemento de leitos fluviais de Augas de Galiza, externalizado desde hai anos á empresa EULEN.

A mobilización coincide coa finalización da contrata que a empresa viña executando para Augas de Galiza, despois de que a dirección de EULEN lle comunicase ao persoal a súa decisión de non concorrer á nova licitación do servizo, anunciando a extinción dos contratos "por causas obxectivas".

A FCM-CIG considera que esta decisión empresarial non pode desvincularse do conflito laboral que o persoal mantén desde hai un ano para conseguir a aplicación do convenio colectivo que legalmente entende que lle corresponde, o provincial de Rematantes e Serradoiros, “e non o miserento Convenio Estatal de Actividades Forestais, cunhas condicións socioeconómicas considerabelmente peores ao conquistado pola CIG na Coruña”.

Ante a falta de resposta empresarial, a CIG presentou unha denuncia na Inspección de Traballo e, posteriormente, promoveu un conflito colectivo que, tras rematar sen acordo o acto de conciliación, hai uns días foi trasladado á vía xudicial.

A representación sindical e os traballadores consideran que a decisión de EULEN de abandonar a contrata e promover os despedimentos “non é completamente deliberada e está directamente relacionada con estas reclamacións laborais, xa que a empresa pretende evitar as consecuencias económicas derivadas da aplicación do convenio correcto”.

Augas de Galiza segue sen responder ás solicitudes de reunión

A FCM-CIG critica tamén a falta de resposta de Augas de Galiza, á que se dirixiu en reiteradas ocasións, incluída unha solicitude formal de reunión urxente presentada o pasado 23 de outubro, para abordar a situación do persoal e procurar alternativas que permitan preservar os postos de traballo. “Pasado máis de medio mes, o responsábel directo do servizo, Roberto Arias, nin se dignou a atender ao persoal”, lamentan.

A maiores, segundo a información trasladada á representación sindical, “mentres se resolve a nova licitación, á Xunta encargará provisoriamente a prestación do servizo será asumida temporalmente pola empresa pública TRAGSA. É dicir, o servizo público en ningún momento deixará de prestarse, só que o farán con outras empresas e persoas”, apunta a FCM-CIG da Coruña.

Consideran que esta medida podería ter por obxecto deixar na indefinición a este persoal durante meses “mentres prescriben as posíbeis demandas, dificultando así que o persoal poida defender seguir facendo o que sempre fixo”. Neste senso, advirten que “a CIG non permitirá que isto aconteza” e consideran especialmente grave que a administración autonómica “non só non estude unha solución para garantir a continuidade do emprego, senón que pareza ser colaborador na súa destrución”.

Un servizo público precarizado pola subcontratación

A FCM-CIG denuncia que este conflito pon de manifesto as consecuencias das políticas de externalización e privatización de servizos públicos impulsadas polo Goberno do PP na Xunta de Galiza, “que deixan actividades necesarias e permanentes en mans de empresas privadas, mentres o persoal soporta condicións laborais precarias e unha permanente inseguridade sobre a continuidade dos seus postos de traballo”.

A CIG esixe a Augas de Galiza que asuma a súa responsabilidade como entidade contratante, facilite unha interlocución inmediata coa representación sindical e procure unha solución que permita manter os postos de traballo.