O persoal de Extel irá á folga para esixir que se respecten os seus dereitos e que se negocie co comité

A Sección Sindical da CIG convoca concentración o 5 de decembro, ás 12h, no Edificio Proa
A Coruña - 29 Nov 2018

Os traballadores e as traballadoras de EXTEL irán á folga o vindeiro mércores 5 de decembro para esixir que se respecten os seus dereitos laborais e salariais e que, dunha vez, a empresa sente negociar co comité para buscar solucións ás reivindicacións que dende hai meses lle veñen trasladando. Entre outras problemáticas, salientan os erros constantes no pago dos incentivos, as presións e acosos ao persoal, a imposición de cargas de traballo inasumíbeis, a falta de formación, as dificultades para conciliar ou a ausencia absoluta de diálogo coa representación social.

"Levamos meses tentando negociar, pero a empresa fai oídos xordos a todas as nosas reclamacións, convertendo o noso entorno laboral en insufríbel. Por iso non nos queda outra alternativa que convocar folga, a ver se así escoitan dunha vez as nosas reivindicacións", aseveran dende a sección sindical da CIG en Extel.

Con motivo da xornada de folga -que se desenvolverá das 00:00h ás 24:00h do martes día 5-, a CIG ten convocada unha concentración, ás 12:00h, diante das oficinas da empresa no Edificio Proa (r/ Enrique Mariñas Romero, Matogrande), na que chaman a participar a todas as traballadoras e traballadores.

Cálculo erróneo e á baixa dos incentivos

Un dos problemas que o persoal pon enriba da mesa refírese ao abono incorrecto dos incentivos, que supoñen unha porcentaxe importante dos salarios. "A empresa comete erros continuamente no cálculo dos incentivos e sempre paga á baixa. Pero esta parte variábel do salario pode supor 200 ou 300 euros ao mes, nunha empresa na que a maioría dos soldos están nos 700 euros/mensuais", salientan.

Como en ocasións anteriores, chegou o momento de berrar basta, por iso o día 5 chamamos a todas as compañeiras e compañeiros a secundar a folga e demostrarlle a esta empresa explotadora que non imos tolerar os seus abusos"

Estes erros repítense de xeito constante dende o pasado mes de marzo, e a pesar das reclamacións da parte social, "a empresa fixo caso omiso". O desinterese da dirección é tal que até houbo traballadoras/es que tiveron que presentar papeleta de conciliación no SMAC para poder cobrar o que legalmente lle corresponde, dándose moitos casos nos que a conciliación rematou sen acordo e noutros a empresa nin sequera se presentou.

Imposición de obxectivos inalcanzábeis

Dende a sección sindical da CIG advirten tamén do deterioro das condicións laborais polos obxectivos "cada vez máis inacadábeis" que impón EXTEL ao seu persoal, sen achegarlles nin sequera a formación adecuada para desenvolver o traballo ou "tendo unha formación nula". Isto deriva en situacións de elevada presión sobre as traballadoras/es con ameazas veladas de que as outras plataformas do grupo "van mellor".

Xunto a isto, denuncian que a empresa non convoca o comité, nin contesta aos escritos e solicitudes trasladadas polo órgano de representación ou as distintas seccións sindicais. Por esta razón, a CIG xa ten presentada denuncia no xulgado por vulneración dos dereitos fundamentais.

"Como en ocasións anteriores, chegou o momento de berrar basta, por iso o día 5 chamamos a todas as compañeiras e compañeiros a secundar a folga e demostrarlle a esta empresa explotadora que non imos tolerar máis a súa actitude déspota", conclúe a sección sindical.