O persoal de Ferroatlantica continúa as mobilizacións en defensa dos empregos e para esixir a actuación da Xunta

Os novos xestores informaron que van recortar aínda máis a produción de ferroaliaxes

Cee -

Traballadores e traballadoras de Ferroatlántica de Cee, Dumbría e das Centrais Hidroeléctricas continuaron na tarde deste luns co calendario de mobilizacións en defensa dos empregos e da actividade produtiva e para esixir da Xunta que convoque de inmediato unha reunión a tres partes (empresa, comité e Administración) "para coñecer dunha vez por todas os termos do acordo e contratos entre TPG e Ferroatlántica e abordar un plan de viabilidade".

O comité critica a actitude pasiva da Consellaría de Industria que, a pesar do recorte drástico da produción, do desmantelamento progresivo que están a sufrir as fábricas e dos incumprimentos no relativo aos compromisos de investimento, "aínda non contestou á solicitude desta reunión e segue sen facilitar a documentación achegada pola empresa para poder levar adiante a venda".

De igual xeito, a representación social esixe saber se TPG ten autorización administrativa para realizar o cambio do nome da empresa (agora denomínase XEAL), xa que as concesións das centrais hidroeléctricas están a nome de Ferroatlántica "e esta actuación podería supor unha segregación encuberta das actividades, algo que automaticamente suporía a cancelación do dereito de explotación dos saltos de auga".

A este respecto, o presidente do comité, Alfonzo Mouzo (CIG), lembra que as factorías están ao 30% da súa capacidade de fabricación (cun forno parado e cos outros a baixa actividade) , mentres que a produción de electricidade está ao 100%, confirmando así que o único interese de TPG-Ithaka está no negocio da enerxía. De feito, a empresa está vendendo catro veces máis enerxía da que compra para fabricar ferroaliaxes, algo que contravén claramente as condicións das resolucións da Xunta de Galiza a respecto de que a produción hidroeléctrica debe garantir a actividade das fábricas.

"Os novos xestores, en reunión co comité o pasado xoves 27, transmitíronnos que van reducir a produción de ferroaliaxes en 8000 toneladas menos das que anunciaron o pasado 16 de xaneiro, parando unidades produtivas incluso en fin de semana cando o prezo da enerxía está mais baixo. Estamos a ver como, en lugar das inversión prometidas, o que hai é un desmantelamento do centro de traballo e un recorte de persoal, como no caso da central hidroeléctrica de Carantoña onde prescindiron dos 3 operarios que había. Ademais, están a recortar o cadro de persoal, xa que non cobren as vacantes por baixas de enfermidade indefinidas", denuncia Mouzo.

"A Xunta ten que exercer as súas competencias"

Diante disto, demanda da Xunta que asuma as súas responsabilidades, traslade a documentación requirida "e exerza as súas competencias, esixindo a empresa que de inmediato presente un plan de viabilidade que garanta a actividade industrial e o mantemento dos empregos, en base ao establecido nas concesións públicas. Porque de nada vale que o PP queira erixirse en defensor da industria electrointesiva galega cando non exerce as súas competencias, non fai caso da problemática nas fabricas de Cee e Dumbría, nin atende as reiteradas peticións dos traballadores e traballadoras da Costa da Morte".

Volver