O persoal de Ferroatlántica continúa as mobilizacións semanais diante do Concello de Cee

Unha representación dos/as traballadores/as estivo este mércores no Parlamento de Galiza
Cee - 18 Set 2019

Traballadores e traballadoras de Ferroatlántica concentráronse na tarde deste martes diante do concello de Cee para manifestar, máis unha vez, o seu rexeitamento á venda do complexo ao fondo de investimentos norteamericano TPG Sixth Street Partners. Xunto a isto, este mércores reuníronse co grupo do BNG no Parlamento de Galiza e compareceron en rolda de prensa para reiterar as súas demandas: que a Xunta de Galiza exixa á empresa o cumprimento da legalidade vixente no relativo aos dereitos concesionais. Pola súa banda, as e os representantes nacionalistas comprometéronse a presentar unha pregunta ou proposición non de lei na cámara para obrigar ao PP a posicionarse.

Na concentración, as traballadoras e traballadores fixeron un chamamento á Xunta de Galiza para que se poña do seu lado e cumpra cos seus compromisos exixindo o preceptivo plan de viabilidade que a empresa debe presentar, tal e como está previsto nas cláusulas concesionais. 

A este respecto Alfonso Mouzo, delegado da CIG en Ferroatlántica, subliña que xa trasladaron en xuño unha proposta de plan de viabilidade á Xunta de Galiza, que mantén o silencio. Plan que a nova propietaria da empresa asegura descoñecer, malia terse remitido por rexistro á dirección da fábrica de Cee.

Por iso esta mañá, na xuntanza e posterior rolda de prensa no Parlamento de Galiza, trasladaron estas demandas e lembraron que “o presidente da Xunta, comprometerase en sede parlamentaria a exixirlle un plan de viabilidade a Ferroatlántica”. Por iso agora o que demandan é que “cumpra a súa palabra”.

Neste sentido Mouzo cuestiona ao propio Feijóo, porque “mentres si demanda ese plan de viabilidade para Alcoa, onde a Xunta non ten competencias, non di nada respecto de Ferroatlántica, onde si as ten”.

O representante da CIG subliña ademais que “hai unhas concesións que ten Ferroatlántica que lle autorizou a Xunta de Galiza no seu día e, polo tanto, consideramos que é necesario ese plan de viabilidade de futuro porque así o dixo o propio TSXG no ano 1996, na sentenza que ditou cando Villar Mir mercou as fábricas a carburos metálicos”.

Por iso consideran que a Xunta debe exixirlle ese plan de viabilidade aos novos propietarios “para poder seguir vinculados ás centrais hidroeléctricas coa produción de ferroaliaxes”, explica Mouzo, “sen segregación das actividades de produción”.

Para a CIG esta operación de compra-venda non se axusta á legalidade e compromete a viabilidade futura das fábricas de Cee e Dumbría pois, segundo o acordo de venda trasladado á representación do persoal,  as plantas ficarían como unha especie de subcontrata de FerroGlobe, que lle subministrará a materia prima e será o único comprador da produción. É dicir, as plantas quedan suxeitas ás decisións empresarias de FerroGlobe, pero fóra do grupo.

Pretexto para eludir obrigas legais

Aínda que FerroGlobe (a sociedade nacida da fusión de Ferroatlántica e Globe e propiedade do Grupo Villar Mir) se escuda en que non hai un cambio de titularidade da concesión, senón que se trata dunha adquisición da totalidade do capital de Ferroátlántica por parte de TPG e a súa socia española Ithaka, para a sección sindical da CIG este é un subterfuxio que utiliza o Grupo Villar Mir para tentar esquivar as obrigas legais, saltándose a preceptiva autorización administrativa e a condición esencial que vincula a produción das ferroaliaxes e a enerxética.

Tal é así que os responsábeis de Ithaka (que se encargará da xestión do complexo) xa confirmaron que non teñen intención nin de retirar os recursos presentados contra a resolución de Augas de Galiza de 2017 pola que denegou a autorización para a segregación de actividades, nin tampouco o ERTE vixente, malia que non se chegou a aplicar e que os dous fornos parados dende xaneiro foron reactivados a finais de agosto. Ademais, dende Ithaka aseveraron que non teñen que presentar ningunha solicitude diante da Administración galega.

Isto confirma o que a sección sindical da CIG leva denunciando dende que se anunciou a operación de venda: que o obxectivo final non é outro que facer caixa a conta de especular coas centrais para tapar os buracos xerados noutras empresas do Grupo Villar Mir. E parece claro que o único interese de TPG-Ithaka nesta transacción está no substancioso negocio eléctrico, nun momento no que, ademais, a produción das renovábeis adquire protagonismo pola inactividade das centrais térmicas.

As mobilizacións continuarán

Diante desta situación Mouzo adianta que continuarán, tal e como teñen acordado, as mobilizacións previstas para os martes diante do concello de Cee aínad que non descartan convocar algunha outra para presionar tanto á Xunta de Galiza como á nova propietaria.