O persoal de Ferroatlántica inicia o calendario de mobilizacións semanais diante do Concello de Cee

Reclámanlle á Xunta que lle requira a Ferroatlántica o cumprimento da lei
Cee - 10 Set 2019

Traballadores e traballadoras de Ferroatlántica arrincaron este martes 10 de setembro o calendario de mobilizacións que repetirán todas as semanas diante do Concello de Cee, en rexeitamento da venda do complexo ao fondo de inversión norteamericano TPG Sixth Street Partners e para esixirlle á Xunta de Galiza que requira a empresa o cumprimento da legalidade vixente en relación aos dereitos concesionais, pois esta é a garantía da viabilidade das fábricas e do futuro dos empregos.

Na protesta volveuse chamar ao Goberno galego para que se poña do lado dos/as traballadores/as e da comarca, cumpra cos seus compromisos e esixa o preceptivo plan de viabilidade que a empresa debe presentar, atendendo ao establecido nas cláusulas concesionais.  Lembran que a representación social trasladou en xuño á Administración unha proposta de plan de viabilidade que segue sen resposta e que a nova propietaria da empresa asegura descoñecer, malia que o proxecto tamén foi remitido por rexistro á dirección da fábrica de Cee.

A operación é un subterfuxio para esquivar as obrigas legais

Aínda que FerroGlobe (a sociedade nacida da fusión de Ferroatlántica e Globe e propiedade do Grupo Villar Mir) se escuda en que non hai un cambio de titularidade da concesión, senón que se trata dunha adquisición da totalidade do capital de Ferroátlántica por parte de TPG e a súa socia española Ithaka, para a sección sindical da CIG este é un subterfuxio que utiliza o Grupo Villar Mir para tentar esquivar as obrigas legais, saltándose a preceptiva autorización administrativa e a condición esencial que vincula a produción das ferroaliaxes e a enerxética.

De feito, durante a vista da pasada semana, os responsábeis de Ithaka (que se encargará da xestión do complexo) xa confirmaron que non teñen intención nin de retirar os recursos presentados contra a resolución de Augas de Galiza de 2017 pola que denegou a autorización para a segregación de actividades, nin tampouco o ERTE vixente, malia que non se chegou a aplicar e que os dous fornos parados dende xaneiro foron reactivados a finais de agosto. Ademais, dende Ithaka aseveraron que non teñen que presentar ningunha solicitude diante da Administración galega.

Estas aseveracións veñen confirmar o que a sección sindical da CIG leva denunciando dende que se anunciou a operación de venda: que o obxectivo final non é outro que facer caixa a conta de especular coas centrais para tapar os buracos xerados noutras empresas do Grupo Villar Mir. E parece claro que o único interese de TPG-Ithaka nesta transacción está no substancioso negocio eléctrico, nun momento no que, ademais, a produción das renovábeis adquire protagonismo pola inactividade das centrais térmicas.

A Xunta ten as competencias e debe exercelas

Ante a gravidade da situación, a sección sindical da CIG denuncia a postura de falsa reivindicación que mantén o Goberno de Feijoo, que se dedica a lanzar duras críticas ao Executivo español pola súa inactividade, mentres amosa unha total pasividade para tomar iniciativas naquelas materias nas que a Xunta ten plena competencia, como neste caso.  Por iso, demándanlle a Administración galega que requirira de inmediato á empresa o cumprimento da legalidade vixente en relación aos dereitos concesionais.

A este respecto, a representación da CIG insiste no feito de que a salvagarda e tutela do interese público inherente á explotación dos aproveitamentos hidroeléctricos, "está inescusablemente unida á continuidade do negocio de ferroaliaxes e á non segregación das actividades de produción".

A CIG advirte que esta operación de compra-venda non se axusta á legalidade e compromete a viabilidade futura das fábricas de Cee e Dumbría pois, segundo o acordo de venda trasladado á representación do persoal,  as plantas ficarían como unha especie de subcontrata de FerroGlobe, que lle subministrará a materia prima e será o único comprador da produción. É dicir, as plantas quedan suxeitas ás decisións empresarias de FerroGlobe, pero fóra do grupo.