O persoal de Ferroglobe en Arteixo rexeita o ERTE e prepara xa un calendario de protestas

A planta de Sabón, da que dependen 113 empregos directos e 200 indirectos, é a única de todo o Estado español dedicada á produción de silicio metal
- 15 Xul 2026

O comité de empresa de Ferroglobe Spain Metals en Arteixo (CIG e UGT) traslada o seu “rexeitamento frontal” ás condicións do Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) presentado pola dirección o pasado luns e prepara xa un calendario de mobilizacións contra a medida de axuste.

Dende a representación do cadro de persoal sinalan que a planta de Ferroglobe no polígono industrial de Sabón é un “piar histórico” no tecido industrial da Coruña e a única instalación en todo o territorio estatal dedicada á produción de silicio metal. Conta cun persoal fixo de máis de 113 profesionais directamente vinculados á súa actividade, e doutros 200 indirectos, “cuxo futuro depende agora da toma de decisións estratéxicas urxentes principalmente por parte das autoridades”. 

O comité denuncia que este axuste é consecuencia directa dunha pasividade institucional, especialmente a nivel europeo, “que nos está condenando a un escenario de total incerteza”

O comité denuncia que este axuste é consecuencia directa dunha pasividade institucional, especialmente a nivel europeo, “que nos está condenando a un escenario de total incerteza”. Neste senso, inciden en que a fábrica de Sabón non é unha instalación máis: é actualmente a única empresa en todo o Estado que produce silicio metal, “un material de altísimo valor estratéxico, indispensable para a transición enerxética, a industria tecnolóxica e a automoción”.

Por iso lamenta que a pesar desta posición clave as administracións “están a permitir a destrución do sector”. Citan en concreto a “lentitude” de Europa para implementar medidas arancelarias e de protección reais fronte á “invasión” de silicio producido na China a baixo custe. “Este dumping, executado baixo normativas laborais e medioambientais que serían ilegais na Unión Europea, está a afundir os prezos e inundando o mercado co beneplácito dunhas institucións que, paradoxalmente, presumen de defender a soberanía industrial europea”.

Así, dende a representación sindical advirten que non aceptarán que a “inacción política” se utilice como escusa para precarizar as condicións laborais ou ameazar a continuidade da planta. Diante disto, esíxenlle a Ferroglobe un plan de viabilidade “claro” e demandan dos Gobernos autonómico e central que presionen en Bruxelas para activar mecanismos de defensa comercial de xeito urxente. “Somos a única fábrica de silicio que queda no Estado. Producimos un material esencial, pero mentres Europa mira cara a outro lado e permite esta invasión desleal, a nós abócannos a un ERTE cun futuro completamente incerto”, sosteñen.

Críticas á xestión empresarial

Ao tempo que fan fincapé en que non poden ser sempre as persoas traballadoras “as que paguen a factura”, polo que lle demandan á dirección da empresa que busque alternativas “reais” e a Europa que “esperte dunha vez” e protexa a súa industria “antes de que sexa demasiado tarde”.

Lamentan tamén que a compañía non realizase unha xestión máis eficaz para conseguir prezos ou acordos enerxéticos (PPAs) que permitan manter a competitividade da planta, e critican o labor do equipo comercial da compañía, ao que acusan de falta de proactividade á hora de buscar e asegurar mercados, tanto a nivel estatal como no resto de Europa, para colocar a súa produción.

Ante este escenario, o persoal mantén o seu rexeitamento frontal ao ERTE e prepárase para analizar a documentación e definir un calendario de mobilizacións en defensa dos seus empregos e da viabilidade da planta.