O persoal de FerroGlobe mobilizarase para reclamar un incremento salarial digno

A empresa pretende a conxelación para o ano 2023, malia ter uns excelentes resultados económicos
Arteixo - 26 Abr 2024

Os traballadores e traballadoras de FerroGlobe mobilizaranse o vindeiro 22 de maio en reposta ao bloqueo patronal da negociación colectiva e para reclamar un incremento salarial digno. A concentración realizarase diante da fábrica de Sabón coincidindo co cambio de quenda de mañá e tarde. Ademais tamén están previstas asembleas informativas para abordar a convocatoria doutras mobilizacións.

A representación do persoal denuncia que a empresa, malia os excelentes os resultados económicos, négase a aplicar un incremento salarial vinculado ao IPC e non quere negociar ningunha porcentaxe de suba dos soldos para o ano 2023. Critican que a dirección do Grupo FerroGlobe incluso bloquea a negociación colectiva mantendo a súa posición de incremento do 0% para o ano 2023.

Esta conxelación retributiva e a negativa a mellorar a capacidade adquisitiva e as condicións laborais e sociais do persoal, prodúcese nun momento no que a compañía ten "uns excelentes resultados económicos" e cando a alta dirección repartiu "bonus estratosféricos".

Diante disto, a representación dos e das traballadoras acordou convocar unha concentración para o 22 de maio, precedidas de asembleas do persoal, e non descarta intensificar as mobilizacións se FerroGlobe teima "en manter o bloqueo á negociación".