O persoal de Ferroglobe mobilízase contra o ERTE que pretende aplicar a empresa durante ano e medio
A medida afectaría a 113 traballadores e traballadoras da planta de Arteixo
O persoal de Ferroglobe mobilizouse este mércores diante da fábrica de Sabón para rexeitar o Expediente de Regulación de Emprego (ERTE) presentado pola empresa para enviar a 113 traballadores e traballadoras ao paro durante un ano e medio, sendo o corpo directivo o menos afectado por esta regulación.
Ferroglobe alega causas organizativas derivadas do prezo da enerxía e a baixada de prezos pola competencia do mercado asiático para xustificar esta medida, que o comité considera totalmente desproporcionada.
A representación da CIG subliña que “non pode ser que unha vez máis o conxunto dos traballadores e traballadoras sexan quen pague as consecuencias de factores totalmente alleos á planta de Sabón”.
Neste senso, lembran que este é o cuarto ERTE que Ferroglobe aplica na fábrica de Arteixo e que cada vez se acurta máis o tempo da actividade produtiva entre expedientes. O último rematou a súa vixencia en decembro de 2024, polo que o persoal nin sequera tivo tempo a repoñer o dereito íntegro a cobrar o paro.
De executarse o ERTE que pretende a empresa, as traballadoras e traballadores esgotarían a súa prestación por desemprego, sen que ademais existan garantías de continuidade dos postos de traballo e da actividade produtiva no futuro.
O período de consultas do expediente remata o 28 de xullo e as posturas das partes están moi afastadas xa que o persoal entende que o tempo de aplicación do ERTE resulta excesivo, e que unha empresa da magnitude e cos beneficios de Ferroglobe “ten capacidade económica suficiente para asumir un complemento salarial que permita que o persoal non vexa mermado o seu poder adquisitivo”.
Reunión coa Xunta de Galiza
De xeito paralelo á concentración, unha representación do comité mantivo unha reunión con representantes das Consellarías de Industria e de Emprego para demandar a intervención da administración, tendo en conta que Ferroglobe é beneficiaria de millonarias subvencións e axudas públicas e que a de Sabón é a única instalación en todo o Estado dedicado á produción de silicio metal.
Neste contexto, a sección sindical da CIG xa ten convocada folga na fábrica para o vindeiro luns, 27 de xullo, en resposta ao ERTE e ante a falta de avances na negociación coa empresa.