O cadro de persoal de Frigolouro mobilízase ante o bloqueo das negociacións dun novo pacto laboral

A empresa négase a ampliar os tempos de descanso e a garantir o mantemento do emprego

O Porriño - O Porriño -

O cadro de persoal de Frigolouro, empresa do sector cárnico con sede no Porriño, desenvolveu hoxe unha concentración diante das instalacións da compañía para forzar a dirección a desbloquear as negociacións para renovar o pacto laboral asinado en 2014. Dende o comité denuncian que Frigolouro se nega a aumentar os tempos de descanso a a garantir o mantemento de todos os postos de traballo.

Durante a protesta, que tivo lugar diante da compañía pertencente ao grupo Coren de 14:00 a 15:30 horas, despregouse unha faixa na que se podía ler “Por un pacto digno”.

Está previsto que as mobilizacións continúen o vindeiro luns no mesmo lugar e horario no caso de que a empresa non atenda as reivindicacións achegadas polo comité.

Segundo explican dende a FGAMT-CIG, en marzo de 2014 a dirección asinou un acordo cos sindicatos con representación no comité (CIG, CCOO e UGT) -a excepción do SITF- mediante o que o persoal renunciaba a unha parte importante do seu tempo de descanso durante a xornada laboral a cambio de que a empresa non despedira a ninguén até marzo de 2019.

Unha vez transcorrido este tempo a representación sindical intentou volver a renegociar o pacto, pero a empresa foi dilatando o proceso. “Isto quere dicir que dende marzo de 2019 a empresa está a dispoñer para o seu único beneficio dese tempo cedido temporalmente polos/as traballadores/as a cambio de nada”.

No último ano celebráronse xuntanzas esporádicas nas que o comité achegou unha plataforma con 23 puntos co obxectivo de introducir melloras laborais e sociais. Pola súa banda, a dirección presentou un total de sete propostas, “que afondan na precarización das condicións de traballo”.

Cuestións irrenunciábeis

Na plataforma sindical figuran tres cuestións que as centrais consideran irrenunciábeis, como son o aumento do tempo de descanso durante a xornada, o mantemento do actual cadro de persoal e a contratación indefinida das persoas que leven cinco ou máis anos na empresa. “Mais semella que a dirección non está disposta a aceptar ningunha destas propostas, polo que rompeu as negociacións”.

Neste senso, denuncian que a empresa pretende “seguir lucrándose a costa do descanso do cadro de persoal”. A maiores, quere que a ese tempo de descanso cedido se lle sume unha redución nas pagas extras, descontando o tempo que os operarios/as estean de baixa. Tamén propoñen a eliminación dos 10 minutos de lavado de mans, “aumentando aínda máis o tempo que se lles cedeu”.

Outras das cuestións que demanda Frigolouro pasan por dar os permisos médicos fóra da xornada laboral, “como se o tempo fóra do traballo tamén o organizaran a empresa”, e flexibilizar aínda máis a xornada de produción; é dicir, comunicar no mesmo día a ampliación da xornada de traballo en 20 minutos.

Volver