O persoal de Galicia Téxtil continúa coas mobilizacións e insta a Xunta a intervir na defensa dos empregos

O vindeiro luns a representación social reunirase co IGAPE e a Consellaría de Emprego
Neda - 12 Feb 2021

A representación das/os traballadoras/es de Galicia Téxtil reunirase co responsábel do IGAPE e a directora xeral de relacións laborais da Consellaría de Emprego e Igualdade, o vindeiro luns, 18 de febreiro, para proporlle á necesidade de que a Xunta de Galiza faga as xestións oportunas para que o grupo téxtil aposte por un proxecto industrial da fábrica que compaxine o cambio produtivo co mantemento dos postos de traballo.

"Queremos comprobar se a empresa aposta realmente pola fábrica de Neda e por corresponder á comarca de cuxos recursos se vén beneficiando historicamente ou continúa amosando prepotencia e desleixo cara ao persoal, que nalgúns casos ten deixado practicamente toda a súa vida laboral na fábrica", subliñan.

UGT e CIG consideran que é posíbel recuperar os 13 postos de traballo perdidos a través do ERE, e mesmo facer unha aposta de futuro pola fábrica para que siga formando parte da historia industrial da comarca ferrolá.

Concentracións todos os venres

Mentres tanto, o persoal ten decidido seguir mobilizándose todos os venres, cunha concentración diante da porta da fábrica de 13:30 a 14:30h, "pois cunha mínima vontade por parte da empresa a situación das persoas despedidas pode ser reversíbel".

De igual xeito, nos próximos días presentarase demanda de impugnación do ERE, ao considerar que non existe causa legal para proceder coa medida e que incluso podería vulnerar dereitos fundamentais e terse adoptado con abuso de dereito. "Pretendemos que a xustiza non permita que as empresas poidan proceder á destrución de postos de traballo nesta comarca empregando a lei de xeito perverso", aseveran.