O persoal de Galicia Téxtil entrega alegacións ao ERE e urxe a Xunta a buscar solucións para manter o emprego e a actividade

O venres farán mobilización na Praza do Concello de Neda
Ferrol - 04 Feb 2021

O persoal de Galicia Téxtil fixo entrega este xoves no rexistro da Xunta en Ferrol dun escrito de alegacións dirixido á Inspección de Traballo para que as teña en conta no preceptivo informe que ten que elaborar sobre o ERE de extinción. Con tal motivo, tamén se realizou unha concentración para demandar da Xunta, con competencias en materia de industria, que busque solucións que afiancen o proxecto industrial e o mantemento dos postos de traballo e do tecido produtivo da comarca de Ferrolterra.

A representación social considera que os datos facilitados pola empresa durante o período de consultas non xustifican en absoluto un despedimento colectivo e que esta medida é totalmente desproporcionada.

Neste senso, o secretario confederal de Emprego da CIG, Francisco Xabier Cartelle, apunta que o ERE non se sustenta en datos reais e que a documentación económica que presentou a empresa non se axusta ao requirido pola lexislación, "o que evidencia a súa mala fe negociadora".

A este respecto, advertiu que gran parte das perdas declaradas "están baseadas en datos subxectivos, fóra do negocio de explotación; é dicir, débense a partidas que nada teñen que ver nin coas vendas, nin cos gastos de persoal, ademais consideramos que estas partidas non están suficientemente documentadas".

Fronte ao despedimento de 13 traballadores e traballadoras, o comité aposta  por unha suspensión temporal e rotativa dos contratos de todo o persoal mentres se consolida cambio produtivo anunciado pola dirección de Galicia Téxtil (que forma parte do grupo Santanderina, un dos máis importes do sector téxtil a nivel europeo).

Mural tecido na Praza do Concello

A loita en defensa dos empregos e da actividade produtiva seguirá este venres, día 5, cunha acción reivindicativa na praza do Concello de Neda, onde o persoal fará un mural tecido en rexeitamento ao ERE e onde será recibido polo alcalde.