O persoal de Galicia Téxtil segue mobilizándose para esixir a retirada do ERE e a intervención da Xunta

Reclaman a apertura dunha mesa de negociación na que estudar medidas alternativas aos despedimentos

Neda -

Os traballadores e as traballadoras de Galicia Téxtil continúan coas mobilizacións semanais en rexeitamento ao ERE aplicado pola empresa e para esixir a intervención da Xunta na busca de solucións que permitan o mantemento de todos os empregos mentres a dirección acomete o cambio de modelo produtivo.

Así llo trasladou a representación sindical (UGT e CIG) ao director do IGAPE e á directora xeral de Relacións na Laborais na reunión mantida no día de onte, na que lembraron que a Xunta de Galiza en as competencias en materia industrial e reclamaron da administración galega que se dirixa á empresa para abrir unha mesa de negociación na que estudar propostas alternativas ao 13 despedimentos na fábrica de Neda.

Pola súa banda, a Xunta comprometeuse a realizar estas xestións "e polo tanto comprobar se realmente existe disposición por parte da empresa para buscar unha saída para o mantemento do emprego na fábrica ou se o seu interese é continuar cunha medida que supón unha total falta de responsabilidade social coa comarca de Ferrol e coas traballadoras que levan entregada boa parte da súa vida laboral a Galicia Téxtil".

Comparecencia co inspector de Traballo

Por outra banda, na mañá deste venres, celebrouse unha comparecencia co inspector de Traballo a cargo da realización do informe do ERE onde estivo presente a representación empresarial e a representación sindical. Nesa xuntanza, deixouse constancia das irregularidades producidas no transcurso da negociación do ERE así como dos argumentos polos que a parte social entende que o informe á autoridade laboral debe ser desfavorábel á adopción da medida do despedimento colectivo.

O presidente de Santanderina "non dá a cara"

Así as cousas, o persoal continúa adiante co calendario de mobilizacións semanais e este mediodía volveuse concentrar na porta da fábrica para exixir a retirada do ERE. Nesta ocasión e con motivo das datas do entroido quixeron salientar a incomparecencia do presidente do consello de administración do Grupo Santanderina en toda a negociación, "na que en ningún momento deu a cara".

Por iso, os traballadores e traballadoras portaban distintas 'caras' do administrador en clara alusión "á súa falta de sensibilidade á hora de encarar un proceso traumático como este".

Volver