O persoal de Galicia Téxtil tece un mural contra o ERE para simbolizar o oficio que leva décadas realizando

Entrevistáronse co alcalde de Neda a quen lle pediron que inste a Xunta a intervir no conflito
Neda - 05 Feb 2021

Os traballadores e traballadoras de Galicia Téxtil proseguen co calendario de mobilizacións en rexeitamento ao ERE e hoxe entrevistáronse co alcalde do Concello de Neda e realizaron na praza do concello un mural de tecido para simbolizar "o oficio dun cadro de persoal que vén desenvolvendo o traballo durante moitas décadas".

Ás 13h, a representación dos/as traballadores/as entrevistouse cos responsábeis políticos do Concello, que se comprometeron a dirixirse á Consellaría de Economía "para facerlles ver a necesidade de que medien no conflito tendo en conta as súas competencias en materia industrial e máis aínda tendo en conta que a empresa se está aproveitando dun recurso natural dos veciños e veciñas da comarca e que ese feito ten que ter como contrapartida un compromiso firme e decidido da empresa co mantemento e creación de emprego na fábrica téxtil".

Así mesmo, a representación sindical da CIG e UGT manifestaron o seu malestar diante do anuncio público do PP en relación ao seu apoio da convocatoria da Folga Xeral do 10 de Marzo contra o desmantelamento industrial de Ferrol, "cando nun caso como o de Galicia Téxtil, aínda estamos agardando a que a Xunta de Galiza conteste á solicitude de xuntanza realizada a semana pasada. Consideramos as declaracións do portavoz do PP como un gran acto de hipocrisía".

O luns as protestas trasládanse a Narón

O vindeiro luns o persoal concentrarase diante do Concello de Narón, ás 12.00h, onde será recibido pola alcaldesa, á que lle solicitarán que se dirixa tamén á Consellaria no sentido de que exerzan as competencias que posúen para mediar no conflito "e faga verlle á empresa a necesidade de chegar a acordos coa representación sindical que signifiquen o mantemento da fábrica pero tamén dos postos de traballo".