O persoal de Grupo Norte baralla convocar protestas tras confirmar a empresa que non garante o pago das vindeiras nóminas
O cadro de persoal de Grupo Norte, empresa que xestiona o centro de chamadas do 061, decidirá este venres en asemblea se convoca mobilizacións -sen descartar mesmo unha folga- despois de que a dirección da empresa Grupo Norte lle confirmase onte ao comité que non garante o pago das vindeiras nóminas. Ao mesmo tempo, a compañía avanzou a súa intención de eliminar o plus de traslado, en compensacion polo cambio das instalacións de Santiago á Estrada, e que se logrou tras dúas convocatorias de folga.
A dirección de Grupo Norte trasladoulle á representación sindical que non ten garantido o pago dos soldos de decembro, nin tampouco os dos próximos meses. Até o de agora os traballadores/as xa viñan percibindo o salario con atraso, como sucedeu no mes de novembro. Os problemas comezaron ao pouco de anunciar a empresa, no mes de xullo, a súa intención de non continuar co servizo, mais mentres non se convoque un novo concurso viuse obrigada a aceptar unha prórroga do actual.
Iso si, puxo enriba da mesa unha ameaza: se a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 non lle abonaba a débeda existente, non estaría en disposición de afrontar o pagamento das nóminas a case un cento de empregados/as. Até o momento fíxoo con atraso, pero onte avanzou que a partir de agora non garante o seu pago.
Ademais, adiantou que ten intención de levar a cabo unha modificación substancial da condicións de traballo para que o cadro de persoal deixe de percibir o plus de traslado.
Desde a CIG-Banca cualifican de “indignante” que a Xunta se limite a afirmar que o servizo de emerxencias presta servizo con normalidade “a costa de que os traballadores/as seguen desenvolvendo o seu labor a pesar de atrasos e ameazas de impagos de salarios e recortes salariais”.
Por todo isto, o comité de empresa chama a todos/as os empregados/as a participar na asemblea que terá lugar este venres co fin de adoptar as medidas necesarias, "sen descartar a volta ás mobilizacions, nin o retorno á folga”.