O persoal de Halago solicita unha xuntanza coa Secretaría de Emprego para abordar a súa problemática

Traballadores/as concentráronse esta mañá en San Caetano onde entregaron un escrito demandando a clarificación da situación económica da empresa

Compostela -

Persoal de Halago Alimentaria concentrouse diante do edificio administrativo da Xunta en San Caetano para demandar da consellaría de Economía, Emprego e Industria que, “en aplicación das súas capacidades legais”, clarifique a situación económica da empresa, polas perdas que podería ocasionar ás diferentes administracións. Tamén solicitaron, cun escrito presentado no rexistro, unha xuntanza coa Secretaría de Xeral de Emprego para abordar a súa situación.

Tras máis de media hora de concentración, os traballadores e traballadoras de Halago Alimentaria percorreron en manifestación os arredores do edificio da Xunta de Galiza para deixar patente a súa rotunda oposición ao ERE extintivo que afecta ao 100% do persoal tanto da planta do polígono do Tambre, como da distribuidora que ten en Oímbra (Ourense).

No escrito presentado no rexistro, ao remate da mobilización, transmitiron ademais, á consellaría de Economía, Emprego e Industria, as “enormes dúbidas” que suscitan os movementos económicos e financeiro desta empresa, “tanto pola contabilidade entregada por Halago á representación sindical, como polo importante e escasamente xustificado volume de negocio desta mercantil coas súas empresas vinculadas no Norte de Portugal, ou pola partición de socios desta empresa noutras sociedades nas que, sucesivamente, se substitúen uns por outros”.

O persoal desta empresa, que foi a que deu continuidade á actividade da antiga Donuts-Panrico, entende que tanto estes movementos económicos como a actuación empresarial “merecen e deben ser clarificadas desde as administracións correspondentes”. Máxime tendo en conta que da clarificación desta situación vai depender tanto a continuidade do proxecto empresarial como os postos de traballo ou, no seu defecto, a contía económica que perciban os traballadores e traballadoras.

Ademais adiantaron a súa intención de continuar con mobilización o próximo día 9 novamente na planta do Tambre e o día 12, outra vez en San Caetano.

Volver