O cadro de persoal de Hormigones Valle Miñor mobilízase para esixir o cumprimento do convenio

Os traballadores están obrigados a realizar horas extraordinarias polas que non reciben compensacións

O Porriño -

O cadro de persoal de Hormigones Valle Miñor, empresa con centros de traballo en varias localidades da provincia de Pontevedra, desenvolveu hoxe unha mobilización nas instalacións do Porriño para esixir o cumprimento do convenio colectivo. Os traballadores/as están obrigados a realizar horas extraordinarias polas que non reciben ningún tipo de compensación, ademais de ter que traballar os sábados e os festivos de convenio.

Dende a CIG-Construción de Vigo explican que os empregados fan un elevado número de horas extras, mesmo prolongando as xornadas até as 14 horas diarias, e en moitas ocasións mesmo sen pausa para comer, polas que non reciben ningunha compensación económica. Ademais, teñen que traballar sábados e festivos de convenio, e carecen de calendario vacacional.

Diante disto, unha vez que a central logrou a maioría no comité de empresa (3 delegados da CIG e 2 de UGT) comezou unha negociación coa compañía para rematar con este exceso de xornada e cos incumprimentos en materia laboral. “A raíz diso melloráronse algunhas cuestións, pero non se atenderon todas as demandas do persoal”, sinalan.

Entón, no mes de xuño celebrouse unha asemblea cos traballadores/as para analizar a situación, na que 13 dos 60 traballadores que compoñen o cadro de persoal decidiron traballar unicamente as oito horas que establece o convenio, e así llo comunicaron á empresa e á Inspección de Traballo. 

No caso de que a situación non mude nos vindeiros días levarán a cabo novas medidas de presión

A consecuencia disto, a dirección tomou represalias contra eles, trasladando a algúns de centro de traballo e modificándolles a xornada a todos eles, cuestión que foi denunciada xudicialmente pola CIG.

Novas medidas de presión

Paralelamente, acordaron iniciar un calendario de mobilizacións que comezou hoxe coa convocatoria dunha xornada de folga e dunha concentración diante das instalacións da empresa no Porriño de 12:00 a 14:00 horas, onde despregaron unha faixa na que reclaman o cumprimento do convenio e denuncian a explotación laboral que padecen.

Finalmente, dende a CIG-Construción esíxenlles ás administracións competentes -nomeadamente a Inspección de Traballo- que obriguen a empresa a cumprir a normativa laboral “tendo en conta o desamparo que sufren os afectados”. Polo que no caso de que a situación non mude nos vindeiros días os traballadores desenvolverán novas medidas de presión.

Volver