O persoal de Iberconsa continúa coas mobilizacións para reclamar melloras salariais

En resposta á negativa da empresa a negociar ningunha das propostas trasladadas pola representación social
Vigo - 23 Xul 2026

O persoal de Iberconsa continuou este xoves coas mobilizacións para reclamarlle á empresa un pacto de mellora das condicións salariais por enriba das estabelecidas no convenio estatal de referencia. Nesta ocasión, as traballadoras e traballadores mobilizáronse ás portas das instalacións que Iberconsa ten en Bouzas.

Esta é a terceira mobilización que realice o persoal ante a negativa rotunda da compañía - con sede en Vigo e dedicada á elaboración e distribución de produtos conxelados do mar- a negociar ningunha mellora. Neste senso, a representación da CIG salienta que o convenio estatal de referencia contempla uns salarios de miseria “que non dan para chegar a fin de mes”.

Porén, a dirección de Iberconsa non quere tratar ningunha das propostas trasladadas pola parte social, remitíndose unicamente ao convenio estatal.

Demandas sociais

A representación sindical reclama unha terceira paga extra, unha suba mensual de 40 euros para a categoría 2, a extensión da prima de penosidade a todo o persoal que accede á cámara frigorífica, o abono íntegro do plus de serras e que as gratificacións voluntarias deixen de ser absorbíbeis. “En definitiva, o que propoñemos son unha serie de posibilidades que permitan incrementar os baixos salarios que fixa o convenio estatal do sector”, explican.