O cadro de persoal de Iberconsa, compañía con sede en Vigo dedicada á elaboración e distribución de produtos conxelados do mar, trasladou hoxe a Frigalsa -firma que pertence ao mesmo grupo empresarial- as protestas para reclamar un pacto de empresa que mellore as condicións laborais por riba do establecido no convenio estatal.
Tras a concentración celebrada o pasado 8 de xuño ás portas de Iberconsa no peirao de Bouzas, nesta ocasión a protesta tivo lugar nas instalacións da compañía Frigalsa en Teis de 12:00 a 13:00 horas para denunciar que dende a anterior mobilización non se produciu ningún achegamento por parte da dirección, que se nega a negociar as propostas achegadas pola parte social e se remite ao contido do marco estatal.
A representación sindical reclama unha terceira paga extra, unha suba mensual de 40 euros para a categoría 2, a extensión da prima de penosidade a todo o persoal que accede á cámara frigorífica, o abono íntegro do plus de serras e que as gratificacións voluntarias deixen de ser absorbíbeis. “En definitiva, o que propoñemos son unha serie de posibilidades que permitan incrementar os baixos salarios que fixa o convenio estatal do sector”, explican.