O persoal de Iberdrola reclama “emprego e salarios dignos na nosa terra”

Desenvolveu una protesta diante da sede da compañía na Rúa e despregou unha faixa no encoro de Montefurado
Ourense/Lugo - 20 Nov 2023

Persoal de Iberdrola e delegados/as sindicais da CIG-Industria desenvolveron este sábado unha xornada de mobilizacións para denunciar a perda de poder adquisitivo dende que se asinou o actual convenio colectivo e reclamar o mantemento de todos os postos de traballo en Galiza. Primeiro levaron a cabo unha concentración diante da sede da compañía na rúa de Valdeorras (Ourense) e a continuación despregaron unha faixa no encoro de Montefurado (Lugo).

Esta campaña de protestas conxuntas co sindicato vasco ELA ten por obxectivo que a empresa aplica o IPC real aos salarios e que manteña o emprego, tal e como se recollía na faixa que se despregou no encoro: “Salarios e emprego digno na nosa terra”.

As dúas centrais sindicais denuncian que mentres Iberdrola obtivo beneficios récord de 11.800 millóns de euros dende a sinatura do último convenio en 2020 e até o terceiro trimestre de 2023 “ao cadro de persoal se nos aplicou unha suba total do 2,11%”. De xeito que cada traballador/a perde un mes de salario cada ano, polo que tería que traballar dous meses máis ao ano para manter o poder adquisitivo de 2020.

Neste contexto, Iberdrola repartiu 200 millóns de euros entre a alta dirección, “e o resto de beneficios destínaos aos grupo inversores e á economía especulativa, esquecéndose do seu persoal, que é grazas ao que obtén estas enormes ganancias”.

Por iso censuran a conivencia dos sindicatos asinantes do convenio coa perda de poder adquisitivo que están a padecer os traballadores/as e reclaman a inmediata aplicación do IPC real aos soldos. As mobilizacións continuarán o vindeiro 25 de novembro en Madrid,  “porque imos a seguir pelexando para cambiar a política retributiva da empresa e para esixir o mantemento de todos os postos de traballo na nosa terra”, sinalan.