O persoal de IKF prosegue coa folga indefinida e recibe a visita do BNG

A Guarda - 22 Out 2021

Os traballadores e as traballadoras de IKF, en folga indefinida contra a dobre escala salarial e o incumprimento do pacto de empresa, recibiron este xoves a visita dos deputados do BNG, Ramón Fernández e Manuel Lorenzo, así como do secretario nacional da FCM-CIG, Plácido Valencia. Os deputados convidaron o persoal a asistir ao pleno do Parlamento do próximo mércores, onde a formación frentista lle fará unha pregunta á conselleira de Emprego a respecto das xestión que está a facer a Xunta de Galiza para solucionar o conflito.

Cómpre lembrar que o persoal de IKF da Guarda está en folga indefinida dende o pasado martes -tras 35 días de paros previos- contra as pretensións da empresa de precarizar as condicións de traballo e prolongar a dobre escala salarial.

Malia o éxito da folga, a empresa négase a someterse á mediación que podería poñer fin ao conflito e dende a CIG-Construción critican que nin a Xunta nin a autoridade laboral exerzan as súas competencias e obriguen a compañía sentara a negociar.

Lembran que se trata dunha factoría con 125 anos de historia nunha zona desindustrializada como a comarca do Baixo Miño, polo que ten un importante peso no emprego e na economía local. “O Goberno galego fai un deixamento absoluto de funcións, pregándose unha vez máis aos intereses das grandes corporacións, a pesar de que ten competencias en material laboral”, lamentan.