O persoal de Ilunion en Vigo anuncia novas protestas pola dignificación das condicións de traballo

Os empregados/as do centro especial de emprego do grupo ONCE convocan tres concentracións contra a explotación laboral
Vigo - 11 Xan 2023

Os traballadores/as de Ilunion Servicios Industriales Pontevedra, centro especial de emprego do grupo ONCE que emprega a persoas con discapacidade, veñen de anunciar un novo calendario de mobilizacións para denunciar a precariedade e a explotación laboral que padecen nas principais compañías do sector da automoción viguesa nas que prestan servizo. As concentracións terán lugar os xoves 12, 19 e 26 de xaneiro de 10:45 a 11:45 horas diante da sede da ONCE en Vigo.

O comité de empresa (10 de 17 delegados/as) decidira retomar en novembro as protestas que foran suspendidas durante un mes mentres se negociaba coa dirección unha mellora salarial que finalmente non se aplicará porque Ilunion pretendía a cambio flexibilizar aínda máis a xornada de traballo. 

As protestas terán lugar os xoves 12, 19 e 26 de xaneiro de 10:45 a 11:45 diante da sede da ONCE en Vigo

Dende entón desenvolven concentracións periódicas ás portas das instalacións da ONCE na cidade para denunciar que aos 620 traballadores/as de Ilunion aplícaselles o convenio estatal de Centros Especiais de Emprego, que contempla unhas condicións laborais e salariais precarias. Por iso, e a pesar de que realizan as mesmas tarefas que o persoal da empresa principal -Stellantis, Lear, Benteler ou Denso-, cobran o SMI e teñen a metade de dereitos.

Segundo denuncia Quique Fernández, da Executiva da CIG-Industria, a propia Stellantis ten externalizados até 400 postos de carretilleiros, montaxe e loxística a través de Ilunion que antes realizaba persoal contratado directamente pola antiga PSA Citroën e, polo tanto, a quen se lles aplicaba o convenio propio desta empresa.

Salario mínimo

Ante esta precarización do emprego disfrazada de integración laboral, a CIG iniciou unha campaña para esixir que a estes/as empregados/as se lles aplique o convenio do sector no que prestan servizo (neste caso o do metal da provincia de Pontevedra) ou que se negocie un convenio propio para o centro vigués.

No caso de Vigo, estes/as empregados/as malia cobrar o salario mínimo teñen que aturar os elevados ritmos de traballo, a realización de horas extraordinarias e as xornadas irregulares na mesma medida que o resto do persoal das compañías da automoción. E iso a pesar de que, segundo o convenio dos centros especiais de emprego, a súa xornada máxima semanal é de 38,5 horas e non poden facer nin prolongacións da xornada nin ter unha distribución irregular das horas de traballo.

Ademais, non están sequera recibindo a formación obrigatoria establecida por lei, algo especialmente grave tendo en conta que se trata de persoas con discapacidade, tanto física como intelectual.