O persoal de Ilunion baralla convocar folga en defensa dos seus dereitos

As protestas contra a precariedade e a explotación continuarán este xoves 1 e o 15 de decembro diante da sede da ONCE en Vigo
Vigo - 29 Nov 2022

O cadro de persoal de Ilunion Servicios Industriales Pontevedra, centro especial de emprego do grupo ONCE, barallan convocar folga en defensa dos seus dereitos tras meses de mobilizacións para denunciar a precariedade e a explotación laboral que padecen as persoas con capacidades distintas que desenvolven o seu labor nas principais compañías do sector da automoción viguesa.

Os traballadores/as suspenderan as protestas durante un mes mentres negociaban coa dirección unha mellora salarial que finalmente non se aplicará porque Ilunion pretendía a cambio flexibilizar aínda máis a xornada de traballo. En consecuencia, a representación da CIG no comité de empresa (10 de 17 delegados/as) decidiu retomar en novembro as concentracións diante da sede da ONCE en Vigo, mobilizacións que continuarán os vindeiros días 1 e 15 de decembro de 10:45 a 11:45 horas.

Segundo explica Quique Fernández, da Executiva da CIG-Industria, aos 620 traballadores/as que Ilunion ten en Vigo aplícaselles o convenio estatal de Centros Especiais de Emprego, que contempla unhas condicións laborais e salariais precarias. Por iso, e a pesar de que realizan as mesmas tarefas que o persoal da empresa principal -Stellantis, Lear, Benteler ou Denso-, cobran o SMI e teñen a metade de dereitos.

De feito, denuncia que Stellantis ten externalizados até 400 postos de carretilleiros, montaxe e loxística a través de Ilunion que antes realizaba persoal contratado directamente pola antiga PSA Citroën e, polo tanto, a quen se lles aplicaba o convenio propio desta empresa.

Precarización disfrazada de integración

Ante esta precarización do emprego disfrazada de integración laboral, a CIG iniciou unha campaña para esixir que a estes/as empregados/as se lles aplique o convenio do sector no que prestan servizo (neste caso o do metal da provincia de Pontevedra) ou que se negocie un convenio propio para o centro vigués.

No caso de Vigo, estes/as empregados/as malia cobrar o salario mínimo teñen que aturar os elevados ritmos de traballo, a realización de horas extraordinarias e as xornadas irregulares na mesma medida que o resto do persoal das compañías da automoción. E iso a pesar de que, segundo o convenio dos centros especiais de emprego, a súa xornada máxima semanal é de 38,5 horas e non poden facer nin prolongacións da xornada nin ter unha distribución irregular das horas de traballo.

Ademais, non están sequera recibindo a formación obrigatoria establecida por lei, algo especialmente grave tendo en conta que se trata de persoas con capacidades distintas, tanto físicas como psíquicas.