O persoal de Inditex mobilízase diante das tendas contra o cambio de horarios imposto pola dirección

Traballadoras/es da empresa téxtil desenvolveron hoxe concentracións en establecementos da Coruña, Vigo, Ourense, Lugo e Santiago
Nacional - 29 Mai 2020

Traballadoras/es das tendas das distintas marcas do grupo téxtil Inditex desenvolveron hoxe concentracións ás portas de varios establecementos na Coruña, Vigo, Ourense, Lugo e Santiago para rexeitar a modificación de horarios imposto pola dirección. A medida, que foi denunciada pola CIG diante da Inspección de Traballo, afecta tamén o persoal con concreción horaria para o coidado de crianzas, o que imposibilita a conciliación da vida laboral e familiar.

As mobilizacións tiveron lugar de 12:00 a 12:30 horas diante de tendas de Zara, Bershka e Stradivarius, onde as empregadas/es despregaron faixas denunciando a vulneración dos seus dereitos laborais e berraron consignas contra a decisión da empresa de modificar a súa xornada de traballo.

Tratouse da primeira das accións que fan parte da campaña de protestas convocada pola CIG despois de que a compañía se negase a retirar a medida e que terá continuidade nos vindeiros días.

A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, que participou na concentración de Vigo, explicou que a pesar de que xa se celebraron varias xuntanzas coa empresa o cambio de horarios continúa, xa que a dirección négase a dar marcha atrás na súa decisión.

Lembrou que que Inditex modificou o pasado luns 18, de xeito unilateral e dun día para outro, os horarios do persoal de tendas en todo o Estado, decisión que incluíu tamén as traballadoras que teñen redución de xornada por coidado de crianzas, o que supón un ataque directo contra o dereito de conciliación da vida laboral e familiar. Fíxoo sen especificar canto tempo ía durar a medida “e coidándose moito de non deixar constancia por escrito para dificultar que as afectadas poidan reclamar”.

En consecuencia, o persoal do grupo propiedade de Amancio Ortega queda sen día libre, límite de tardes e librada de fin de semana, “e nin sequera poderán gozar en moitos casos do descanso semanal mínimo que establece a lei”. Máis grave aínda consideran a decisión de incluír nesta modificación a todo o persoal que goza de concreción horaria por conciliación da vida laboral e familiar, e que en moitos casos logrou este dereito tras reclamacións xudiciais.

Nada máis ter coñecemento do que estaba a acontecer a CIG presentou denuncia na Inspección de Traballo, que convocou as partes a unha xuntanza na que a empresa fixo fincapé co acordo asinado cos sindicatos estatais e mantivo que actúa “polo ben das traballadoras, supostamente para garantir a súa saúde, cando o que pretenden é aforrar cartos evitando ter que contratar persoal temporal para cubrir baixas e vacacións xa que non respectan nin os descansos do sábado nin cumpren os descansos semanais”. O único que aceptou a empresa foi non modificar as vacacións de verán, que quedarán como até o de agora.

Mais a CIG reclama que a empresa restitúa os horarios normais de todo o persoal unha vez que que Galiza entrou na fase 2 da desescalada, xa que a intención de Inditex é manter esta medida excepcional mentres dure o estado de alarma. Ao mesmo tempo, esixe que se garantan as medidas de seguridade, incluíndo distintas horas de entrada e saída para evitar que coincida o persoal das distintas quendas.