O persoal de investigación sanitaria mobilízase para exixir a equiparación salarial
Rexeitan a negativa da Consellaría de Sanidade tras máis dun ano de negociacións
Persoal das fundacións de investigación biomédica e de medicina xenómica concentrouse esta mañá diante do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, o Materno-Infantil da Coruña e no Clínico de Compostela para reclaman a súa equiparación salarial co persoal estatutario do SERGAS. A protesta chega tras a reunión mantida no día de onte coa Consellaría de Sanidade, que negou calquera posibilidade de avanzar nesta reivindicación.
Nesa xuntanza producíronse avances na clasificación profesional do persoal das fundacións de investigación biomédica, mentres que no caso de Medicina Xenómica non se avanzou nin na clasificación nin nas condicións retributivas.
Despois de máis dun ano de negociacións, as organizacións sindicais consideran inadmisíbel que a administración persista nunha posición que perpetúa a desigualdade salarial dentro do propio sistema sanitario público galego. A proposta económica presentada até o momento, con incrementos retributivos distribuídos até 2031 e que exclúe determinadas categorías profesionais, resulta claramente insuficiente.
Se a Consellaría persevera na súa negativa, intensificarase o conflito
“A Consellaría non pode pretender que o persoal de investigación sanitaria acepte un convenio colectivo que consolide a súa discriminación retributiva, especialmente cando a equiparación salarial xa é unha realidade noutras comunidades autónomas”, asevera a CIG-Saúde.
Neste senso, as organizacións sindicais inciden en que ningún acordo será posíbel sen a equiparación salarial e advirten que o conflito laboral se intensificará de persistir a negativa da administración, non descartando incluso chegar á convocatoria de folga.