O cadro de persoal de Isidro 1952 mobilízase para rexeitar o ERE de extinción e a modificación das condicións laborais

O comité soubo hoxe mesmo que a empresa está en situación de preconcurso de acredores
A Coruña - 30 Dec 2019

Traballadores e traballadoras de Isidro 1952 mobilizáronse este luns diante da factoría que a empresa ten no Polígono do Espírito Santo (Cambre) en rexeitamento ao ERE de extinción que suporá o despedimento de 136 persoas e contra da modificación substancial das condicións salariais e laborais (xornada, quendas e funcións) que a dirección pretende aplicar para o resto do cadro de persoal.

A protesta desenvolveuse ao remate da segunda reunión do período de consultas do ERE, na que a representación social reclamou información completa sobre a situación da compañía e que a dirección presente un plan de viabilidade real para garantir o mantemento dos 225 empregos e o futuro da actividade produtiva, comprometida a causa da débeda económica e da nefasta xestión empresarial dos últimos anos.

Ademais, explicou a presidenta do comité, Olga Rodríguez (CIG), "hoxe soubemos que dende mediados de setembro Isidro 1952 está en preconcurso de acredores, que remata o 12 de xaneiro, pero a pesar do tempo transcorrido a dirección non informou de nada ao comité, o que supón unha mostra máis da mala fe coa que actúan". "Entendemos que o obxectivo da dirección era aproveitar o preconcurso para desfacerse de persoal e aplicar un recorte brutal das condicións laborais e salariais antes de ir ao concurso".

Nestas circunstancias, dende a representación social adiantaron que "non hai nada que negociar" e que xa están estudando un calendario de mobilizacións a levar adiante en defensa dos empregos e para esixir solucións que garantan a viabilidade dos seis centros de traballo de Isidro 1952: fábrica de conxelado, ultraconxelado e fabricación de produtos do mar do Polígono do Espírito Santo; piscifactorías de troitas de Carballo, Baio e Louro; criadeiro de rodaballo de Lorbé; e criadeiro de ollomol de Valdoviño.

Xunto a isto, Rodríguez sinalou que o pasado venres o comité mantivo unha xuntanza coa conselleira do Mar, o conselleiro de Emprego e Industria, o IGAPE e Xesgaliza para trasladarlles o que está a acontecer nesta empresa e demandar a intervención da Xunta na busca de solucións, tendo en conta as axudas que a compañía recibiu nos últimos anos, o volume de emprego que xera e a súa relevancia dentro dun sector estratéxico para Galiza como o dos conxelados e produtos elaborados do mar.

Unha factoría punteira

A factoría de Cambre é punteira a nivel tecnolóxico e Isidro 1952 é unha das principais empresas do país neste sector. Porén, os problemas económicos véñense arrastrando dende hai anos, nomeadamente dende a posta en marcha do centro de traballo do Espírito Santo, que supuxo unha inversión de máis de 100 millóns de euros (dos que a Xunta achegou uns 20 millóns). Ese punto marcou o inicio da acumulación da débeda actual da empresa, da que agora ten que afrontar o pago de 25 millóns de euros.

Neste contexto, hai tempo que o persoal cobra as súas nóminas con atraso e mesmo tiveron que chegar a un acordo coa dirección para o pago fraccionado dos salarios. Ademais, a falta de liquidez da empresa levou tamén a que non se poida adquirir materia prima para producir, agravándose así os problemas. De feito, a compañía compra ao día e non pode negociar prezos das materias primas para ofrecer un produto final máis competitivo.