O persoal de JEVASO mobilízase en demanda dunhas condicións laborais dignas

Arteixo - 15 Nov 2022

Traballadoras e traballadores de JEVASO concentráronse este martes diante das instalacións da empresa no Polígono de Sabón (Arteixo) para denunciar a precariedade laboral que padecen e reclamar condicións dignas. A concentración desenvolveuse de 13 a 15 horas, coincidindo coa entrada e saída do persoal no cambio de quendas.

A dirección da empresa (que presta servizos auxiliares á industria téxtil de pasado de ferro, confección e loxística) está pechada en banda a asumir ou sequera negociar ningunha das propostas trasladadas pola representación do persoal en materia laboral, social e de prevención de riscos.

As reivindicacións son tan básicas como cumprir co descanso efectivo de 15 minutos que estabelece o convenio colectivo. A empresa non respecta este descanso do persoal ao computarlle no mesmo os tempos de traslado ao comedor ou o tempo que dedican a levar mercadoría e produtos a onde dispón a dirección.

Xunto a isto, a dirección pretende que o persoal traballe 18 horas por enriba da súa xornada ordinaria, ao entender que lle deben esas horas porque a xornada máxima recollida no convenio sectorial de aplicación está nas 1818 horas. Pero o persoal de JEVASO, explica a FGAMT-CIG da Coruña, xa fai unha xornada laboral completa de 40 horas semanais, polo que a empresa non lle pode exixir que realicen máis horas.

Na plataforma trasladada á dirección, o comité demanda tamén a creación dun plus de transporte, que se cubran as vacantes da quenda de mañá con persoal da empresa para que opten a elas en base a súa antigüidade ou que se estabeleza unha axuda para a adquisición de libros para as traballadoras e traballadoras con fillas/os en idade escolar.

Ademais, co obxectivo de reducir a precariedade na contratación e darlle estabilidade aos empregos, o comité propuxo que o persoal contratado a través de ETT pase a ser persoal propio da empresa cando levan máis dun ano no centro.

Na plataforma reivindicativa tamén se inclúen medidas para mellorar a seguridade e a saúde laboral e cumprir coa normativa vixente. Entre as cuestións máis urxentes, pídense actuacións tan sinxelas como despexar as saídas de emerxencia, comprobar o estado e a situación dos extintores e realizar simulacros por situacións de emerxencias.

Xunto a isto, implentar medidas para evitar as lesións polos movementos repetitivos e a manipulación de cargas; levar adiante de maneira urxente a análise dos riscos psicosociais e actuar ante as actitudes hostís dos mandos intermedios que xeran un clima laboral de tensión e estrés insoportábel.

Unha empresa de enormes dimensións

Diante da negativa da empresa a adoptar ningunha destas demandas, o comité acordou iniciar mobilizacións para denunciar a precariedade que padece o persoal e reclamar unhas condicións dignas. Deste xeito, á concentración deste martes seguiralle outra no mesmo horario e lugar o próximo venres 25 de novembro.

Cómpre subliñar que JEVASO é unha empresa de enormes dimensións (só nas instalacións de Arteixo ten un cadro de persoal de máis 600 persoas e en determinados período até 400 contratadas por ETT) e dispón dunha capacidade económica suficiente para asumir esta táboa reivindicativa sen que lle supoña ningún esforzo.