O persoal de JEVASO responde aos incumprimentos da empresa cun seguimento case total na segunda xornada de folga
Arredor do 90% do persoal de JEVASO está secundando a segunda xornada de folga para esixirlle á empresa que cumpra o acordo de melloras asinado para o centro de traballo de Arteixo e que abone de inmediato os conceptos retributivos que marca o convenio colectivo de referencia, así como os conceptos salariais que regula o pacto de empresa.
Para darlle máis visibilidade á súa loita, ademais dos piquetes informativos despregados nas instalacións dende ás 22 horas deste domingo, centos de traballadoras e traballadores saíron en manifestación a primeira hora da tarde polo Polígono de Sabón (Arteixo) para reivindicar os seus dereitos salariais.
A folga desenvólvese tras o fracaso da mediación realiza no SIMA do pasado xoves, na que foi imposíbel chegar a acordo porque a empresa teima no incumprimento unilateral do pacto de melloras. Neste senso, a representación do persoal xa avanza que a de hoxe non será a última xornada de paro xeral senón que se convocarán “as que sexan necesarias até que a empresa asuma a súa obriga de abonar os conceptos salariais íntegros que lexitimamente corresponden o persoal”.
Hai que subliñar que este conflito xorde pola aplicación da nova estrutura salarial e retributiva do convenio colectivo da industria téxtil e da confección para os anos 2024-2026 e que foi publicado no mes de outubro de 2025. A maiores da obrigada aplicación da estrutura retributiva do convenio, a mercantil debe abonar tamén as melloras pactadas a nivel interno na empresa, “como se fixo desde sempre, pois son melloras pactadas entre a representación legal e a dirección de JEVASO”, explican as delgadas da CIG.
En dito documento, engaden, páctase de forma expresa que eses conceptos salariais non serán absorbíbeis con futuras subidas do convenio, mais a pesares diso, “a empresa unilateralmente ante a actualización das nóminas e o pago de atrasos pola publicación do novo convenio, procedeu a aplicar a absorción desas melloras para acadar as subidas do convenio”.
Esta actuación constitúe un claro recorte dos dereitos salariais que nin o comité nin o persoal van tolerar, tal e como se evidenciou nos dous días de folga realizados até o momento, nos que, a pesar das presións e manobras da dirección, as traballadoras e traballadores, incluído un amplo número de persoas contratadas por ETT, participaron masivamente no paro e nas mobilizacións.