O persoal de Jevaso secundará unha nova xornada de folga para exixirlle á empresa que cumpra o pacto de melloras
O comité de JEVASO e as organizacións sindicais CIG e UGT teñen convocada unha nova xornada de folga para o luns 1 de decembro co obxectivo de esixirlle á empresa o estrito cumprimento do acordo de melloras asinado para o centro de traballo de Arteixo e que abone de inmediato os conceptos retributivos que marca o convenio colectivo de referencia, así como os conceptos salariais que regula o pacto de empresa.
Esta será a segunda xornada de folga logo do paro xeral desenvolvido o pasado luns, que rexistrou un seguimento do 90% do cadro de persoal. Cifra que a CIG pon moi en valor tendo en conta o empeño disuasorio exercido pola empresa mediante diversos comunicados a través do portal do empregado para que o persoal non secundase a folga, facendo en todos os comunicados especial fincapé no desconto salarial que supón o exercicio deste dereito, e que unha parte importante dos traballadores e das traballadoras están contratadas a través de ETT.
A folga afectará a todo o persoal, tanto contratado directo como de ETT, e a todas as quendas laborais, dando comezo ás 22 horas do domingo 30 de novembro e prolongándose até ás 22 horas do luns 1 de decembro. Ademais, para visibilizar a súa loita, o luns ás 14:00 horas, as traballadoras e traballadores sairán en manifestación das instalación de JEVASO na Avenida do Embalse e percorrerá unha parte do Polígono de Sabón.
A mercantil JEVASO conta cunha liña de confección propia, pero a maior parte da súa actividade industrial emana do traballo para outras marcas como Mango, Bimba&Lola ou Álvaro Moreno e, en menor medida, tamén para o Grupo Inditex. Nas instalación de Arteixo traballan máis de 700 persoas contratadas directas e sobre 200 de ETT.
A dirección négase a respectar os termos do pacto de empresa
A representación da CIG explica que a esta segunda convocatoria chégase tras do fracaso da mediación realiza no SIMA no día de onte, xoves 27 de novembro, na que foi imposíbel conseguir un acordo satisfactorio para o persoal que puxera fin ao conflito e ás mobilizacións.
Hai que subliñar que este conflito xorde pola aplicación da nova estrutura salarial e retributiva do convenio colectivo da industria téxtil e da confección para os anos 2024-2026 e que foi publicado no mes de outubro de 2025. “A maiores da obrigada aplicación da estrutura retributiva do convenio, a mercantil debe abonar tamén as melloras pactadas a nivel interno na empresa, como se fixo desde sempre, pois son melloras pactadas entre a representación legal e a dirección de JEVASO”, explican as delgadas da CIG.
En dito documento, engaden, páctase de forma expresa que eses conceptos salariais non serán absorbíbeis con futuras subidas do convenio, mais a pesares diso, “a empresa unilateralmente ante a actualización das nóminas e o pago de atrasos pola publicación do novo convenio, procedeu a aplicar a absorción desas melloras para acadar as subidas do convenio”.
Esta actuación constitúe un claro recorte dos dereitos salariais que nin o comité nin o persoal van tolerar. Por iso o obxectivo desta nova xornada de folga “é exixir da dirección o estrito cumprimento e abono do convenio colectivo e dos conceptos retributivos que regula o documento de pacto de empresa”.
Neste senso, a representación sindical xa advirte que a folga do día 1 “non será a última”, senón que se convocarán “as que sexan necesarias até que a empresa asuma a súa obriga de abonar os conceptos salariais íntegros que lexitimamente corresponden o persoal”.