O persoal de Leche Celta en Meira secunda a segunda xornada de folga e anuncia novas mobilizacións

O paro foi secundado pola práctica totalidade dos/as traballadores/as
Meira - 19 Mar 2018

As traballadoras e os traballadores da factoría de Leche Celta en Meira desenvolveron este luns a segunda xornada de folga para esixir melloras salariais e sociais que permitan equiparar as súas condicións ás que xa teñen os compañeiros e compañeiras da planta de Pontedeume. A práctica totalidade do persoal secundou o paro de 12 a 16 horas, polo que a produción na fábrica ficou completamente paralizada.

Ao tempo, as e os traballadores mantiveron unha concentración diante das instalacións de Meira, onde teñen despregada unha faixa en demanda dun convenio digno, e onde realizaron unha comparecencia para os medios de comunicación, a fin de explicar as súas demandas e a situación do conflito. Mañá, martes 20 de marzo, haberá unha nova xornada de folga.

Sen contactos coa empresa

A pesar do éxito das xornadas de folga, a empresa, explica o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López, non mantivo aínda ningún contacto coa representación do persoal para tentar avanzar nunha solución. De feito, nin sequera sentou a negociar co comité de folga os servizos mínimos (estabelecidos por cuestións de seguridade) senón que remitiu unha proposta "sen mediar palabra. Xa estamos estudando recorrer eses servizos mínimos", apunta.

Esta actitude, engade López, contrasta coa urxencia por resolver o conflito que teñen manifestado dende a dirección, alegando razóns de imaxe diante da clientela. Porén, "a empresa non fixo ningún movemento dende a última reunión, cando xa tiñamos convocada a folga. Neste momento correspóndelle a dirección facer unha proposta, pois na xuntanza do día 7 constatáronse os puntos de distanciamento entre ambas partes".

Novas xornadas de folga

En resposta a este deixamento da dirección, o persoal estenderá a convocatoria de folga para as seguintes dúas semanas, ampliando ademais os días dos paros. Así, ademais do paro de mañá martes, a vindeira semana haberá tres días de folga e para a seguinte serán catro as xornadas de paro. "A partir de aí, de non producírense avances, incrementaremos as medidas de presión", advertiu o secretario comarcal da FGAMT-CIG.

A este respecto, lembrou que os traballadores e as traballadoras das dúas fábricas que Leche Celta ten fóra de Galiza teñen anunciado tamén o inicio de mobilizacións para esixir melloras económicas e sociais.

Cómpre lembrar que o persoal da planta de Leche Celta en Pontedeume logrou o pasado ano un convenio propio que mellora substancialmente as súas condicións, con respecto ao recollido no convenio estatal de industrias lácteas. O acordo foi posíbel tras seis xornadas de folga secundadas pola totalidade dos traballadores e traballadoras e logo de intensas negociacións coa empresa. O éxito da loita do persoal de Pontedeume sirve de exemplo e camiño para os seus compañeiros e compañeiras de Meira.