O persoal de Leche Celta iniciará mobilizacións en defensa do convenio colectivo propio
O persoal de Leche Celta SLU vaise concentrar o vindeiro venres, 5 de decembro, a partir das 13:00 horas diante da factoría de Andrade (Pontedeume) en defensa do convenio colectivo de centro de traballo e para manifestar o seu rexeitamento á negociación dun convenio de grupo de empresas.
A CIG critica que a dirección da empresa “faga ouvidos xordos ao clamor do persoal” e salienta que as traballadoras e traballadoras aprobaron en votación por amplísima maioría (un 87%) iniciar mobilizacións pola negociación e mantemento do convenio de centro de traballo. “O persoal ten claro que a o convenio de grupo supón na práctica que as condicións laborais deixen de ser decidades por si propio e que pasen a ser negociadas polas cúpulas de CCOO e UGT”, asevera o secretario comarcal da FGAMT-CIG, Xabier Rodríguez.
Non ter capacidade de decisión directa, engade, foi o que precisamente levou no pasado o persoal da fábrica de Pontedeume a pelexar para sentar a empresa a negociar un convenio propio. De feito, na primeira xuntanza do convenio de grupo de empresas, a representación de CCOO e UGT quixeron deixar claro que o marco regulador será negociado polas federacións estatais destes sindicatos sen os comités nin as súas seccións sindicais.
A CIG xa presentou conflito colectivo diante desta pretensión empresarial unilateral “que consideramos froito da mala fe negocial no proceso de negociación do convenio de centro de traballo que está vixente en Pontedeume”.