O persoal de Lefties e Zara mobilizarase este venres contra a discriminación que sofre por parte da empresa

O comité ten convocada unha concentración ás 11:00 horas no centro comercial de Marineda
Nacional - 27 Nov 2019

As traballadoras e traballadores das tendas de Lefties e Zara –que son a mesma empresa- mobilizaranse este venres, día 29 de novembro, ás 11:00 horas, no Centro Comercial de Marineda, na Coruña, coincidindo coa celebración do Black Friday. A convocatoria do comité, con maioría da CIG, ten como obxectivo denunciar a discriminación que padecen as traballadoras das tendas e a actitude que está a ter con elas a dirección da empresa Zara España S.A.

Aseguran que non poden permitir que unha empresa como INDITEX, que obtén miles de millóns de beneficios a nivel mundial, recorte de maneira unilateral dereitos dos que gozan desde hai moitos anos como: devolución horas día libre en festivo; perda de postos de traballo polas caixas de autocobro, pagamento dobre en 5 de xaneiro; incentivos anuais a dependentas e caixeiras centrais…

Denuncian que tampouco son de recibo as diferentes condicións no que respecta a beneficios sociais existentes dentro de INDITEX, que permiten e fomentan que dentro do grupo existan traballadoras e traballadores de primeira e segunda categoría.

Do meso xeito aseguran que están “fartas” de que unha empresa como INDITEX, que dá millóns en doazóns, non invista nin un peso na súa seguridade “non movendo un dedo para solventar o problema da carga de traballo, tanto física como psíquica que estamos a sufrir dentro das tendas”.

Advirten que non van permitir que “sendo as traballadoras das tendas a parte máis importante da empresa e participando todas das ventas, só unhas poucas cobren un incentivo anual por vendas. Por iso conclúen que “estamos fartas de que INDITEX se burle de nós, fartas de ser sempre as máis prexudicadas”.