O persoal de limpeza da provincia da Coruña, armado con fregonas, mobilízase por un convenio digno

Concentráronse en diversos puntos das cidades para visibilizar as súas demandas
Nacional - 22 Abr 2021

Traballadoras e traballadores do sector da limpeza mobilizáronse durante toda a mañá, coincidindo coa xornada de folga por un convenio xusto na provincia da Coruña. O persoal, armado con fregonas, a súa ferramenta habitual de traballo, concentrouse en varios puntos de cidades e vilas, nomeadamente nos centros do Corte Inglés da Coruña e Santiago, que teñen contratado o servizo de limpeza con EULEN, a empresa máis potente do sector, e diante das sedes das diferentes empresas.

Maila os servizos mínimos abusivos, entre o 70 e o 100%, decretados pola administración practicamente imposibilitar o seguimento da folga –de 10.000 persoas atinxidas polo convenio só preto de 1.000 podían exercer este dereito constitucional en toda a provincia- coas múltiples concentracións e manifestacións que se sucederon en distintos puntos das cidades as traballadoras e traballadores conseguiron que as súas fregonas amarelas non pasaron desapercibidas.

En Compostela a xornada comezou cunha ringleira de coches conformando un piquete móbil no polígono do Tambre. De seguido celebrouse unha concentración diante do Corte Inglés, de onde partiu unha manifestación que fixo parada diante do Parlamento de Galiza e percorreu as rúas da cidade para facer visibles as demandas do sector.

Na Coruña, ademais de concentrarse diante do Corte Inglés levaron as súas protestas ás portas das oficinas de Inditex e das oficinas principais de diversas entidades bancarias e en Ferrol, percorreron a vila tamén cun piquete móbil que fixo parada diante das oficinas de empresas como CLECE que, como EULEN, teñen concesionados os servizos de limpeza de múltiples administracións e entidades privadas.

Segundo explicou Paulo Rubido, representante da CIG na mesa de negociación, “non falamos dunha patronal que poida xustificar a súa negativa a mellorar as condicións salariais e sociais pola pandemia, senón que viu incrementando o seu volume de negocio polas desinfeccións”.

Por iso, afirmou, “mobilizámonos contra uns señores que estiveron enriquecéndose este último ano  e que se atreven a ofrecer un incremento salarial do 0% para 2020, un 1% para 2021 e pretenden recortar dereitos tan importantes en convenio colectivo como a xubilación parcial ou o dereito a incrementar xornada ás mulleres que na súa inmensa maioría traballan a tempo parcial”.

Diante disto, subliñou que a posición “clara e unánime” de CIG, CCOO e UGT é “non aceptar as proposta da patronal” e adiantou que teñen previsto máis xornadas de folga. “Esta mobilización vai ir crecendo co tempo  e non imos parar até conseguir un convenio que teña unhas condicións dignas”.

Rubido lembrou que este é un dos sectores “máis precarizados da provincia da Coruña, cos salarios máis baixos”. Tanto que, apuntou, “de se incrementar o SMI como pretende o goberno, este quedaría por enriba dos salarios das traballadoras e traballadores da limpeza”. Por iso, dixo “a maioría secundan as mobilizacións”, porque “estamos falando de salarios que está en arredor dos 7.000-9.000 euros anuais”.

Pola tarde repetíronse as mobilizacións. No caso de Compostela, cunha concentración diante do edificio administrativo de San Caetano e no da Coruña, con outra en Marineda City.