O persoal de limpeza da Xunta mobilízase en demanda da aplicación da carreira profesional

Traballadoras/es concentráronse esta mañá diante do edificio administrativo de San Caetano
Compostela - 02 Nov 2023

Transcorrido case un ano da concesión do servizo de limpeza da Xunta de Galiza a Samaín, vinculada a Clece, a empresa segue sen dar cumprimento ao acordado en materia de carreira profesional, establecida para o persoal laboral e funcionario da Xunta de Galiza, e cuxa aplicación foi recoñecida para o persoal de limpeza en virtude dos acordos de equiparación salarial e social existentes desde o ano 2000. Unha demanda que se vén facendo á empresa de forma reiterada e pola que hoxe se mobilizou o persoal diante do edificio administrativo da Xunta en San Caetano.

Segundo explica o representante da CIG, Anxo Noceda, en diferentes momentos xa se viron repercutidas melloras económicas e sociais que foron establecidas, con posterioridade, para o persoal laboral da Xunta de Galiza, xustamente en cumprimento do acordo de equiparación.

Porén, por parte de Clece-Samaín “sistematicamente véñense poñendo problemas para a aplicación desta mellora á carreira profesional ao persoal de limpeza”, denuncia Noceda. Lembra que inicialmente, cando Clece tiña concedida de forma provisional a contrata porque a anterior empresa quebrara, “a desculpa era sempre que tiña que agardarse a que houbese unha adxudicación definitiva. Prodúcese esta e séguense dando largas”.

Isto malia a contía económica pola que foi licitada esta contrata ser “enorme”. Unha circunstancia pola que, segundo apunta o representante da CIG, “entendemos que se deberían poder cubrir absolutamente todas as cuestións que estaban en litixio, xa daquela, en canto a aplicación da equiparación tanto económica, como social. Consta, de feito, nas actas das mesas de licitación esta cuestión”.

Compromiso de aplicar a carreira profesional

Anxo Noceda sinala ademais que se mantiveron reunións coa Xunta de Galiza e mesmo algunha tripartita con presenza da administración, da empresa e da representación legal dos traballadores. Xuntanzas nas que se chegou a acordo de que Samaín tiña que trasladar unha proposta para a aplicación da carreira profesional.

Porén, denuncia que a proposta que traslada a empresa concesionaria resúmese nun “non ides ter carreira profesional”. Neste sentido explica que nesa proposta “nun principio parece que están recoñecendo o dereito”, pero que, ao final, sempre aparece, dun ou doutro xeito, “que non se vai estabelecer”.

Subliña que os puntos básicos desa proposta que levan a que non se aplique son, por unha banda, que “unilateralmente o vinculan co absentismo laboral, cando a carreira profesional no persoal laboral en absoluto está vinculado con isto” e, pola outra, “van graduando a súa aplicación até o ano 2027, curiosamente o ano no que correspondería unha nova licitación”. Xunto a isto, Noceda sinala que ademais condicionan a carreira “a que a Xunta de Galiza poña a pasta enriba da mesa para o abonamento e que se non se pon o persoal non a percibiría”.

Proposta do comité

Por parte do comité de empresa o que se lle está trasladando á concesionaria é unha aplicación na mesma liña na que xa se fixo, no seu momento, na limpeza hospitalaria (2008). “Tamén é certo que a carreira profesional foi establecida con anterioridade no SERGAS do que está a ser na Xunta de Galiza” matiza. E canda isto, trasladóuselle a Samaín unha sentenza que é de aplicación ao persoal de limpeza e que vén de mellorar a aplicación, no propio persoal laboral da Xunta de Galiza, da carreira profesional.

Sen avances

Porén, a día de hoxe, por parte de Clece-Samaín, séguense mantendo na súa proposta inicial. Por iso o persoal acordou iniciar hoxe mesmo as mobilizacións pendentes dunha reunión que terá lugar o vindeiro día 9 de novembro. Xuntanza na que se poderá comprobar se Clece “se mantén nas súas poropostas trogloditas e absolutamente retrógradas e que en absoluto garanten a aplicación da carreira profesional ou se realmente se pretende camiñar cara a aplicación, ao persoal de limpeza, da carreira profesional conforme están determinando as sentenzas xudiciais”.

Con todo, Anxo Noceda, ademais de denunciar a actuación da empresa apunta a responsabilidade que ten a administración que, afirma, “é coñecedora de todos estes feitos, de todas as resolucións que existen en termos legais e que non pode mirar para outro lado. Ten que obrigar á concesionaria, máximo coa cantidade coa que saíu esta licitación, a que aplique o que está obrigada a facer”.

A carón destas cuestións que considera que son as que suscitan maior confronto, Noceda apunta outras que, aínda que menores, non deixan de ter importancia, e nas que denuncia que Clece “está pretendendo tamén facer aplicación unilateral de acordo” como as referidas a novos permisos ou licencias establecidas no Estatuto dos Traballadores que van en contra de toda a xurisprudencia existente até agora.